Un milleiro de sinaturas en apoio aos sindicalistas condenados

Quinta xornada de folga de fame en apoio aos tres sindicalistas condenados a 3 anos e un día de prisión, mentres as mostras de apoio e solidariedade aumentan.

Pola volta dun milleiro de persoas xa expresaron coa súa sinatura o apoio a Marcos Cadórniga, Carlos Alján e Carlos Búa, os tres sindicalistas (2 da CIG e 1 de CCOO) que foron condenados a tres anos e un día de prisión cada un por participaren na folga do comercio e alimentación en 2009. Mais non só mediante sinaturas se expresa o apoio a estas tres persoas. Numerosas persoas achéganse á caravana, ubicada fronte á Audiencia Provincial, onde se desenvolve a protesta. 

A terceira quenda da folga de fame contra a condena a prisión a tres sindicalistas tomou o relevo esta terza feira na cuarta xornada da protesta que se desenvolve desde pasada sexta fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra. O secretario comarcal de Vigo, Serafín Otero, e o nacional da federación de Servizos, Paulo Rubido, permanecerán sen comer até o vindeiro xoves ás 12.00 horas.

A tónica xeral da  xornada de protesta é, como vén sendo habitual desde o inicio, as numerosas mostras de solidariedade recibidas. As visitas á caravana instalada fronte ao edificio xudicial son constantes, así como a recollida de sinaturas de apoio entre a veciñanza.

Esta cuarta feira será o alcalde de Poio o que se achegue até a caravana situada diante da Audiencia Provincial para trasladarlle a súa solidariedade aos folguistas. Tamén lles amosarán o seu apoio a deputada do BNG Carme Adán e o grupo municipal da formación nacionalista en Vigo.

Comentarios