Máis de corenta empresas da alimentación participan nun proxecto comercial no Brasil

A Asociación Galega de Viticultura, a Rede galega de Empresas e a Asociación Campalgo impulsan un proxecto de comercialización no Brasil no que participan máis de corenta empresas galegas do sector de alimentación. 

.
photo_camera .

Máis de corenta empresas do sector da alimentación participan nun proxecto de comercialización con Brasil promovido pola Asociación Campalgo, Asociación Galega de Viticultura e a Rede galega de Empresas, co apoio da Consellaría de Industria-IGAPE. 

Trátase dun proxecto que quere aproveitar as sinerxías entre autónomos e pequenas e medianas empresas para colaborar na busca de novos mercados internacionais, neste caso con Brasil. A nova iniciativa, que foi presentada nos últimos días, é un proxecto innovador e o primeiro que agrupa a un gran número de pequenas empresas co fin de expandir o seu ámbito de comercialización de maneira conxunta. 

"Apostan por defender unha Marca Galega, “garantía para o éxito e para a boa acollida dos noso produtos” 

O modelo preséntase, segundo as entidades promotoras, especialmente acaído para unha estrutura económica que se artella arredor de pequenas empresas e autónomos que precisa dunha organización en estruturas superiores para se enfrontar a novos retos de comercialización e produción, de maneira especial, nas industrias dedicadas á produción alimenticia. 

O sector alimentario, que ten unha influencia directa na produción agrícola e pesqueira, é, segundo destacan,o que está a conservar a poboación no ámbito rural galego e esta é unha das razóns para a súa primordial importancia no desenvolvemento económico, social e cultural galego. A nova iniciativa que ten as súa vista posta no gran mercado brasileiro demostra, como insisten desde as entidades promotoras, “que podemos chegar a todos os mercados si o facemos unidos, tamén nos ten demostrado a boa acollida que teñen os nosos produtos, así como a necesidade de potenciar e camiñar polo mundo baixo un marca distintiva que identifique os nosos produtos como galegos que son”. 

Apostan, desta maneira, por defender unha Marca Galega, “garantía para o éxito e para a boa acollida dos noso produtos” que, ao seu ver, “debe ser potenciada polos poderes económicos e administrativos da Galiza”.

Comentarios