Máis de 10.000 persoas claman en Compostela por unha Galiza soberana

Unha maré convocada polo BNG ateigou as rúas de Compostela para reclamar o dereito do pobo galego a ser soberano. Organizacións e movementos sociais, veciñais , feministas e ecoloxistas secundaron a marcha por unha "Galiza ceibe"

Pola calor e o sol que presidía este domingo a capital da Galiza ninguén diría que estamos en setembro. Máis ben semellaba xullo. As rúas ateigadas de militantes do BNG achegábannos aínda máis a un 25 de ese mes que a un 15 do presente. Millares de nacionalistas saíron nesta soleada xornada ás rúas para se manifestar e reclamar o dereito da Galiza a ser, a existir como unha 'Patria soberana'. Esa que reclama o Bloque coa súa convocatoria. 

"Quer queira, quer non, Galiza é unha nación", entoou a multitude que encheu a Alameda de Compostela cando o reloxio pasaba por pouco das 12.00. Unha inmensa bandeira da Patria engalanaba a céntrica Porta Faxeira e presidía a manifestación. Detrás dela, milleiros de persoas clamaron por un Estado propio para este país. Demandaron poder de decisión pleno sobre os sectores produtivos, sobre o monte, os aforros; mais tamén soberania sobre os corpos das mulleres, o medio rural ou o mar. 

Mais a convocatoria deste 15 de setembro non visaba ser un Día da Patria retrasado polos acontecementos, procurou ser --en verbas do propio portavoz nacional do BNG, Xavier Vence-- "un punto de inflexión". Unha chamada á orde aos poderes fácticos que se cernen sobre a Galiza para facer ver que "somos un pobo vivo" --comentaban @s manifestantes. 

"A sociedade ten que converter o cabreo en mobilización", arengou Xavier Vence

"Queremos que o país reaccione", arengou Xavier Vence pouco antes de dar comezo a mobilización, "para mudarmos a situación" perante o desemprego, a emigración xuvenil, o roubo dos aforros ás persoas estafadas coa fraude das preferentes e subordinadas, o desleixo institucional cos montes ou a inacción do goberno fronte o esmorecemento do tecido industrial galego. 

"A sociedade ten que converter o cabreo" --que é moito-- "en mobilización", sinalou o voceiro nacional da organización frontista e reaxir ás "políticas que desde a Xunta e Madrid están a levar o país ao abismo". 

Representantes dos principais conflitos sociais que arestora avivan as rúas galegas déronse cita detrás da faixa que encabezou a mobilización. Labreg@s, estudantes, moz@s, empregad@s públic@s, pensionistas; representantes dos movementos sociais e do tecido asociativo, da cultura, da lingua --en RAG ou AGAL-- do feminismo, do sindicalismo e a loita obreira, o ecoloxismo e mesmo o colectivo de emigrad@s retornad@s @s que lles queren roubar os aforros de toda unha vida. Tod@s tiveron espazo na manifestación convocada polo BNG mais tamén voz.

A Praza da Quintana: un altofalante dos conflitos sociais

Pouco máis de media hora pasara desde que a manifestación saíu da Alameda cando a cabeceira comezou a entrar na Praza da Quintana. Porén, @s manifestantes máis rezagad@s aínda cubrían as dúas beiras da Praza Galiza ao berro de "independencia". Nun palco improvisado e sen acceso a un punto de luz municipal pola negativa do Goberno local, o BNG pedía aos milleiros de persoas que enchían a praza achegárense ás escaleiras para deixar entrar o final da manifestación. 

Co ceo despexado e un sol que non deu tregua desde o inicio da mobilización, daba comezo o acto político na Quintana entre berros que exixían o recoñecemento do dereito de autodeterminación para o pobo galego. 10.000 voces berraron ao unísono por unha "Galiza ceibe" e "popular", por un país dono do seu futuro que deu máis un exemplo de dignidade. 

O secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, abriu a quenda de intervencións batendo con dureza contra "este estado cruel e corrupto" que "nega", dixo, "o dereito da mocidade a un traballo digno e na Terra". Un Estado presidido por un presidente abafado polos casos de corrupción no seu partido e por "unha monarquía parasitaria" --afirmou.

"Nacimos para sermos libres nunha Patria soberana"

O lider das mocidades do BNG clamou no seu discurso por unha "Galiza independente de España", soberana e "con futuro" para a xente moza. Após facer relatar as organizacións nacionais e internacionais, colectivos e movementos sociais que saudaron ao BNG con motivo da manifestación, Mera deu paso --unha a unha-- a unha ducia de persoas que puxeron faciana e voz aos conflitos laborais, sociais e políticos que atravesan Galiza. 

A voceira da plaforma veciñal na defensa de Corcoesto sintetizouno ben: "Nacimos para sermos libres nunha patria soberana"

Representantes da conserva, o naval, do calote das preferentes, do sector agrogandeiro, da cultura, moz@s que emigran e emigrad@s que volven; portavoces dos conflitos medioambientais como o proxecto mineiro de Corcoesto ou da Asociación Monte Pindo Parque Natural; traballador@s de T-Solar e da sanidade pública, exixiron "poder de decisión real" para pór solución "aos problemas deste país". 

"Un Parlamento verdadeiramente soberano", acrecentou o voceiro nacional do Bloque na súa quenda. Precisamos, dixo, institucións que "se deciden rexeitar a quita das preferentes" esta non poida ser aplicada desde Madrid ou se din "non" ao veto da construción naval civil, os nosos esteleiros comecen a producir barcos "porque sabemos e queremos construílos", salientou Daniel Grandal en nome do sector. 

"Queremos unha Patria libre, de mulleres libres", de "mulleres sen medo" --clamou a actriz Isabel Risco-- entre bricadeiras que en inglés ridiculizaron a "quen nos quere colonizar". 

O vivido este domingo en Compostela sintetizouno ben a voceira da Plataforma veciñal na defensa de Corcoesto. Ela e @s alí presentes tíñano claro: "Nacimos para sermos libres nunha Patria soberana". 

Comentarios