A madrileña Ron Lalá e a galega Chévere consiguen o aplauso do público en Ribadavia

A compañía madrileña Ron Lalá fíxose co “Premio do Público Rubén García ao mellor espectáculo” na 30 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A Ultranoite no país dos ananos de Chévere pisoulle os pés no aplauso do público. 

Ron Lalá
photo_camera Ron Lalá

Moi axustado cualifica a organización o resultado do “Premio do Público Rubén García ao mellor espectáculo” do que resultou finalmente gañador o espectáculo En un lugar del Quijote da compañía madrileña Ron Lalá seguida por Chévere coa Ultranoite no país dos ananos. En terceiro lugar produciuse un empate entre Ubu Roi da compañía inglesa Cheek by Jowl e Le sorelle Macaluso da italiana Sud Costa Occidentale.

Máis de 9.000 persoas asistiron como público aos oitos días da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia nesta 30 edición na que desde a organización se valorou o fortalecemento da súa “dimensión internacional e proxección máis alá do ámbito galego”. O director do festival, Roberto Pascual defendeu na clausura un modelo de encontro arriscado e anovador, que acolla tendencias innovadoras ao tempo que mostre os grandes referentes de teatro internacional. Anunciou unha nova etapa a partir de 2015 con alianzas internacionais e a utilización de recursos europeos para medrar e consolidarse como mostra de referencia. 

Comentarios