Luis Tosar, Pepe Carreiro e O Carrabouxo visitan os sindicalistas en folga de fame e trasládanlles a súa solidariedade

O actor galego e os dous debuxantes achegáronse até a caravana instalada diante da Audiencia Provincial de Pontevedra para solidarizárense cos tres sindicalistas condenados a tres anos e un día de prisión

Os tres sindicalistas condenados a tres anos e un día de prisión cada un por participaren na folga do comercio e alimentación de 2009 seguen a recibir numerosas mostras de apoio e solidariedade. A maior parte delas, de cidadáns e cidadás que queren amosar o seu rexeitamento á condea, ben a travñes da súa sinatura (cxa se levan recollido varios centos) ou ben visitando a caravana frente a Audiencia Provincial de Pontevedra onde, por quendas, se leva a cabo unha folga de fame.

Mais tamén hai rostros coñecidos da política e o sindicalismo que se achegaron até esta caravana. E tamén da cultura. Entre eles, o actor galego Luis Tosar, que este sábado se achegou até a caravana para amosar o seu rexeitamento á decisión xudicial e solidarizarse cos tres sindicalistas condenados a prisión. Canda el estiveron os artistas gráficos Pepe Carreiro e Xosé Lois ‘O Carrabouxo’.

Aliás, este sábado arrancou a quinta quenda, que tomou este mediodía o relevo unha semana despois do inicio da folga de fame contra a represión sindical. Sefi Romero de Vigo e Lucía Freire de Compostela permanecerán sen comer até o luns ás 12.00 horas.

Concentracións

A CIG ten convocadas concentracións o vindeiro martes, 4 de decembro, diante dos xulgados das distintas cidades galegas para denunciar os intentos de criminalizar a contestación social aos recortes, de rexeitamento á reforma do Código Penal que prepara o PP, así como para amosar a repulsa ás novas taxas xudiciais impostas polo Goberno español. As protestas enmárcanse na campaña que a central nacionalista está desenvolver contra a persecución e represión sindical, concretada na folga de fame que a CIG está a desenvolver dende hai unha semana en Pontevedra contra a condena a prisión a tres sindicalistas.

Comentarios