Luís Tosar e María Reimóndez implícanse na dirección de “Cambia de papel”

Dúas escritoras e un actor asinan a dirección de “Cambia de papel”, un documentario que se estrea o martes día 9 ás 19 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela. Luis Tosar, María Reimóndez e Kutti Revathi póñense á fronte deste novo proxecto co que Implicadas no Desenvolvemento nos achega á vida das mulleres de Támil Nadu (India). 

Por vez primeira Luís Tosar e María Reimóndez póñense detrás da cámara para dirixir un proxecto audiovisual, labor que desenvolven canda a poeta e cineasta támil Kutti Revathi. A esta circunstancia, tanto unha como o outro, danlle pouco valor. Poñen o foco, pola contra, na singularidade do documento, nas historias de vida narradas polas dez mulleres tamiles que se recollen en Cambia de papel. 

Cando Luís Tosar comezou a colaborar con Implicadas no Desenvolvemento, a ong fundada hai quince anos e presidida até este sábado por María Reimóndez, naceu a posibilidade de viaxar a Tamil Nadu para visitar os proxectos da organización e colaborar no seu desenvolvemento. A idea inicial foi facer un obradoiro de teatro con mulleres e desta xénese nace o documental que agora, dous anos despois, se estrea en Compostela. “A idea era darlle visibilidade e mostrar que o cambio é posíbel. Nalgunhas das pezas vemos a evolución e as consecuencias do proxecto que foron, en casos, marabillosas. Todos podemos cambiar de papel” destacou Tosar na presentación á prensa da estrea. 

O documentario constrúese a través de cartas que as protagonistas dirixen a persoas reais ou imaxinarias nas que, sen indicación previa, relatan o que elas queren contar, ás veces, historias dramáticas que transmiten coa tranquilidade do cotiá. Na presentación á prensa proxectouse a intervención de Saritha, a quen estiveron a punto de matar de nena a súa nai e avoa por ter nacido muller e agora traballa contra o infanticidio feminino. “As protagonistas son elas, deciden o que queren contar de sí mesmas. O documental fuxiu do amarelismo e o exotismo. Consideramos importante que a visión das imaxes fose feita desde dentro” sinala Reimóndez ao tempo que destaca a relevancia de contar cun equipo támil e tamén coa participación de Kutti Revathi, escritora e feminista támil. 

“As protagonistas son elas, deciden o que queren contar de sí mesmas"

Cambia de papel reflexa, segundo Tosar, a histora de “mulleres poderosas que tentan cambiar unha realidade inxusta”. Con esa enerxía que transmite a vontade de cambiar de papel, o documentario comeza agora a súa difusión, as súas “dúas vidas” que di Reimóndez, por unha banda, a distribución a través de festivais -está pechada xa a participación nun de Colombia- ademais de formar parte da actividade dos grupos de Implicadas no Desenvolvemento. 

Entretanto, María Reimóndez e Luís Tosar afondan no “excepcional” do proceso de elaboración do documentario. O actor relata con entusiasmo o desenvolvemento do obradoiro de teatro, o encontro con aquelas mulleres que, por veces, o sorprendían cos seus comportamentos e a súa forza. María Reimóndez destaca o papel de Implicadas no Desenvolvemento e a maneira de traballar man a man con organizacións locais, filosofía que se trasladou tamén ao documentario. Agora agardan que o público sexa quen tamén “cambie de papel” diante dunhas historias que, ao seu ver, transmiten unha  mensaxe esperanzadora, a posibilidade de transformación que demostran as biografías das dez protagonistas. 

Piti Sanz como autor da banda sonora e Jorge Coira na montaxe, completan a parte galega dunha equipa que contou con persoas voluntarias e profesionais de Támil Nadu. 

Comentarios