Lugo sae co corazón á rúa para defender os seus dereitos sanitarios

O corazón de Lugo latexou forte coa mobilización de máis de 17.000 persoas que saíron á rúa nunha das mobilizacións máis numerosas que se lembran na cidade. Pedían un trato igualitario e digno na atención sanitaria, en especial, servizos de hemodinámica 24H, radioterapia e medicina nuclear para o HULA. 

lugo
photo_camera lugo

A cidade de Lugo paralizouse por volta das 21 horas cando milleiros de persoas saían á rúa co mesmo destino, reclamar servizos sanitarios dignos e, en especial, a atención que os seus corazóns merecen. Hemodinámica 24H, radioterapia, medicina nuclear para o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e servizos para o vello xeral era a reclamación principal que se lía nas faixas que encabezaban a multitudinaria marcha convocada pola Federación de Asociación de Veciños e a asociación Abre a Muralla, máis de 15.000 persoas que foron convidadas a marchar polas rúas da cidade coa lenda “que non che rouben o corazón”, frase que se repetía nas redes sociais. 

Vital para Lugo 

A apenas dous días de que se desenvolvan as eleccións municipais, representantes de todas as forzas políticas, fóra o PP, déronse cita na manifestación que botou a andar tras funerarias coroas de flores e diversas pancartas entre as que se podían ler tamén “prohibido ter un infarto en Lugo”. 

lugo2

Ademais das convocantes, máis de cen organizacións e entidades participaron na mobilización que se tinguiu da cor do sangue e o corazón, do vermello que lucían en moitas das camisetas das persoas manifestantes, en alusión especial aos servizos de hemodinámica 24 horas, eixo das reivindicacións para mudar a situación actual pola que a veciñanza de Lugo só pode ser atendida de 8 a 15 horas. 

A manifestación chegou ao seu fin perante a sede da Xunta na Ronda da Muralla onde se deixaron sentir as reclamacións para unha atención sanitaria igualitaria e contra a discriminación que vive Lugo nestes servizos. 

Comentarios