Louzán acusa un voceiro d@s estafad@s de non querer os aforros senón "desgastar os dirixentes do PP"

Xulio Vicente, da plataforma do Rosal, responde as acusacións vertidas contra el polo presidente da Deputación de Pontevedra recordándolle que un uso político d@s estafad@s "foi o que fixo o seu partido en campaña electoral"

photo_camera [Imaxe de arquivo: SG]


"Dun cinismo bárbaro" cualifica o voceiro da Plataforma de afectad@s polas preferentes do Rosal, Xulio Vicente, as declaracións realizadas polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, nunha entrevista realizada pola axencia de noticias Efe.

Louzán non dubidou en colocar riba da mesa a actividade sindical de Vicente, na central nacionalista CIG, para chamarlle "provocador nato" e acusalo de non querer recuperar o diñeiro roubado por Novagalicia Banco senón "desgastar os dirixentes do PP".

"Quen fixo un uso político dos afectados das preferentes foi el e o seu partido en campaña electoral, comprometendo un apoio que nunca demostraron e unhas solucións que non chegan", responde Xulio Vicente, quen atribúe os "arrebatos" de Louzán á "incomodidade" que sente gobernando "en democracia" pois, segundo subliña o voceiro da plataforma do Rosal, o presidente provincial do PP pontevedrés "sería un político espectacular no franquismo porque el gosta de gobernar doutra maneira".

"Aplauden o alcalde nacionalista"

Louzán considerou que @s estafad@s están a centrar a súa acción nos concellos gobernados polo PP namentres "aplauden o alcalde nacionalista". Nada dixo o conservador de que, agás contadas excepcións, son xustamente @s rexedor@s do seu partido @s que solicitan presencia policial para expulsar dos plenos @s manifestantes que transladan alí as súas protestas namentres os grupos municipais doutras formacións lles mostran o seu apoio, chegando as alcaldías do BNG a asinar un manifesto en que comprometen accións desde os gobernos locais que presiden encamiñadas a evitar "que se perpetúe este roubo".

Son xustamente estas accións as que reclaman @s afectad@s, unha solución política que lle poña freo á quita do 43% que suporá no País un espolio de máis de 400 millóns de euros en aforros d@s galeg@s. "Cando paralizamos un pleno o que exiximos é que se coloque como principal obxectivo político a devolución dos nosos cartos. Se Louzán e o seu partido queren liderar esta reclamación, nós apartarémonos aos día seguinte", insta ao presidente do PP en Pontevedra o voceiro d@s estafad@s no Rosal, quen, para alén de ter el participacións deste produto tóxico, tamén están afectad@s o seu pai e as súas fillas, menores de idade.

Comentarios