luns 03/08/20

Lores brinda o premio da ONU a unha Pontevedra orgullosa do seu modelo urbanístico

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, brindou o premio ONU que vén de recoller en Dubai a unha cidade orgullosa do seu modelo urbanístico nun acto público no Teatro Principal. A festa continúa hoxe en distintas prazas da cidade na que se sentirá a música de grupos de Pontevedra. 

.
.

 

O premio ONU-Hábitat que o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores,  vén de recoller en Dubái é da cidade enteira e así o fixo saber no acto público que se desenvolveu esta quinta feira no Teatro Principal da cidade. 

Un Miguel Fernández Lores orgulloso do premio lembrou que é o recoñecemento a un modelo polo que apostou non só o goberno municipal senón a propia cidadanía que celebrará tamén o premio nas  prazas e rúas, escenarios privilexiados do cambio de Pontevedra onde a festa continuará esta sexta feira coa actuación de grupos da cidade. 

“As-salaam-alaikum”,  saudou en árabe o alcalde Fernández Lores no inicio da súa intervención no acto no que a sociedade pontevedresa conmemorou un galardón que premia un modelo centrado nas persoas que recibe un dos máis relevantes recoñecementos mundiais e do que se mostrou especialmente orgulloso. 

Contra vento e marea

“Fomos capaces contra vento e marea de levar adiante este proxecto colectivo", dixo Lores mentres insistía que o segredo de Pontevedra foi ter situado ás persoas no centro do proxecto urbanístico. Lembrou Lores os primeiros atrancos para a construción “dunha nova cidade alternativa” mais, a esta altura, co aval dos recoñecementos internacionais a súa calidade de vida cómpre, segundo dixo “consolidar esta posición, estendela, facela cada vez máis universal e fomentar axeitadamente os retornos de todo tipo".

Cun discurso no que Fernández Lores quixo mirar para o futuro recoñeceu que Pontevedra estaba no punto de mira de moitas cidades que queren seguir un modelo que privilexiou a mobilidade, a accesibilidade e a calidade urbana. “Sería un tremendo erro durmirse nos loureiros e desaproveitar esta oportunidade, esta posición favorable na que logramos, entre todos, situar a Pontevedra", sinalou nun acto que, segundo o xornal Pontevedra Viva se emitiron tamén vídeos nos que se recollían as reunións da delegación que viaxou aos Emiratos Árabes. O concelleiro de Ordenación do Territorio, Cesar Mosquera recoñeceu que a implantación do modelo non sería posíbel sen a participación da cidadanía. 

Festa en rúas e prazas coa creatividade de Pontevedra

No acto fíxose partícipe do galardón a oito colectivos e entidades coas que o concello concorreu ao premio e que avalaron o modelo promovido en Pontevedra que son  a ONCE, la Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Stop Accidentes, a Fundación Meniños, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao, AEMPE, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental e a Deputación de Pontevedra. 

Nas súas intervencións foron debullando as bondades do modelo urbanístico da cidade para a mellora da calidade de vida da  veciñanza e, neste sentido, Jeanne Picard, presidenta de Stop Accidentes en Galicia,  non dubidou en parabenizar a veciñanza que pode ler todos os días e ver unha boa película nun entorno urbano que, segundo dixo, “protexe a vida da súa xente”, polo que pulou polo “traslado” a máis cidades para ben da cidadanía. 

“Cada vez que vimos a Pontevedra sentímonos un pouco máis libres”, dixo Anxo Queiruga, presidente de COGAMI nun entusiasta intervención na que loubou a eliminación de barreiras que executou o goberno municipal de Pontevedra. 

Na festa que se desenvolverá esta sexta feira haberá animación polas rúas e prazas e música con grupos de Pontevedra. A partir das 17.30 entrarán en acción Roubabicos, Os de Algures, Gaiteiros das Rías Baixas, Olodum do Coio e Troula e a Peregrina e Curros Enríquez ofrecerán unha programación infantil especial nunha cidade que se gaba dun modelo que privilexiou a calidade de vida para cativas e cativos. Os grupos de pop rock do Local de Música sentiranse na Praza da Verdura, Méndez Núñez e o Teucro  e en Curros Enríquez actuará a partir das 20.00 horas o grupo Trepia. Ás 19 horas comezará a festa na Ferrería cos Antonis, os Coribantes de Buchabad e os Black Stone para ás dez da noite iniciar o espectáculo de animación con luces, fogos e pirotécnica do grupo Troula.

comentarios