DENUNCIA DOS SINDICATOS

Loita contra o lume en Galiza: falla de recursos e medios e ausencia de protocolos

CIG, CCOO, UXT, CSIF e Aprofiga denuncian que a Xunta "minte" e que se nega a atender as peticións de diálogo dos profesionais, polo que convocaron unha manifestación en Compostela esta cuarta feira.

Imaxe: Arquivo
photo_camera Imaxe: Arquivo

Os sindicatos do operativo contra incendios forestais denunciaron esta terza feira que a Xunta de Galiza  "mente" no que atinxe a medios do dispositivo contra os lumes, e denuncian que este está en continuo proceso de "desmantelamento". Representantes de CIG, CCOO, UXT, CSIF e a Apropiga (Asociación profesional do persoal laboral) criticaron a administración con dureza e coincicidiron en denunciar que os datos do plan da Xunta sobre medios para o dispositivo "son falsos". Ademais, afirman que non se atenden as súas solicitudes de diálogo. Por mor de todas estas circunstancias, a cuarta faeira manifestaranse en Compostela.

Os sindicatos piden un servizo "público" de prevención e extinción, fronte ao "maremagnum" existente e á privatización progresiva dos efectivos de loita contra os incendios. Insistiron na falta de medios e organización, a presenza no monte de maquinaria obsoleta, ausencia de medios e protocolos de seguridade, de maneira que os incendios "están a apagarse con máis vontade que medios", fronte ao "silencio absoluto" da Consellería ante as súas demandas de diálogo, o que cualificaron de "descoñecemento, deixamento ou neglixencia".

Para os sindicatos, a Consellería de Medio Rural non ten modelo e rexeitaron que a actual fragmentación en diferentes medios sexa máis barato, polo que insistiron no seu modelo de servizo público e único.

Comentarios