A loita contra a discriminación de crianzas con diversidade funcional na Coruña chega ao Concello e ao Parlamento

O BNG inicia unha loita institucional contra o que definen como “ofensiva discriminatoria do PP coas crianzas que sofren diversidade funcional”. Apoian así a denuncia dunha nai afectada pola política discriminatoria do concello da Coruña. 

Sonia Hermida, Mª Xosé Bravo e Carme Adán
photo_camera Sonia Hermida, Mª Xosé Bravo e Carme Adán

Sonia Hermida padeceu directamente a discriminación do goberno municipal de Negreira o verán pasado. A súa filla foi rexeitada entón do campamento urbano organizado no Ágora mais a súa denuncia non prendeu no goberno de Negreira xa que agora comproba como continúa sen admitir a nenos e  nenas con diversidade funcional nas actividades de lecer organizadas por Cultura. Sonia denunciou o caso diante da Fiscalía para que a exclusión non se repetise e recorrerá tamén ao Valedor do Pobo para poñer fin a unha situación que cualificou de ilegal e inxusta e que non quere que ningún neno ou nena, como lle aconteceu a súa filla, volva padecer. 

O BNG apoia a súa loita e presenta por esta razón distintas iniciativas tanto no propio concello como no Parlamento de Galiza encamiñadas a poñer límites á discriminación.  “É contraditorio que o Parlamento de Galiza conte cunha Comisión de Estudo sobre Discapacidade para garantir a inclusión das persoas con diversidade funcional nos diferentes ámbitos da vida á vez que o Concello da Coruña exclúe as crianzas e fai oídos xordos ás demandas das familias”, defendeu a deputada Carme Adán, nunha rolda de prensa na que interviron tamén a concelleira Mª Xosé Bravo e a propia Sonia Hermida. 

Batería de iniciativas do BNG

Ao Parlamento galego chega así unha batería de iniciativas que reclaman que o goberno de Carlos Negreira remate cunha situación “excluínte e inxusta” para o que se lle esixe á Xunta que reclame ao Concello da Cultura “o cumprimento de toda a normativa vixente sobre o acceso ao lecer e a educación das persoas con discapacidade e que, de xeito prioritario, se lle dea acceso a todos os nenos e nenas con diversidade funcional en todas as actividades que programe”. Para Carme Adán, o Concello está a vulnerar os dereitos de nenos e nenas con diversidade funcional a quen non se lle permite participar nas actividades infantís como o resto das crianzas do concello.

A concelleira nacionalista María Xosé Bravo, pola súa banda, levará o tema ao Pleno municipal que terá lugar a vindeira segunda feira para requirir do alcalde e o grupo popular os criterios para esta exclusión. A concelleira citou a frase que o concello emprega na súa programación para unha decisión que cualificou de “inxusta”:  “Estas actividades no cuentan con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas específicas”. 

Comentarios