Lidia Senra confírmase como a candidata de Anova na listaxe de IU ás europeas

Como se agardaba, será Lidia Senra a persoa que ocupe o posto número 5 na lista de Izquierda Unida, o primeiro reservado para Anova. A ex-secretaria xeral do SLG acadou o 85% dos votos emitidos. 

@anova
photo_camera @anova

A porcentaxe de votos para Lidia Senra foi mesmo maior do que hai días se agardaba, despois da retirada de tres dos candidatos do coñecido como sector crítico -entre eles, o seu referente orgánico Luís Eyré Palleiro- e pola decisión de algunha das agrupacións de non participar no proceso. Un 85% dos votos emitidos escolleu Senra como a candidata de Anova para se integrar na lista de IU, no posto quinto acordado para a organización galega. 

O outro dos postos aos que Anova pode poñerlle nome levará o de Carlos Lorenzo Simón, de Ourense [na candidatura de IU irán tamén 2 representantes de Esquerda Unida e 1 de Espazo Ecosocialista]. O índice de participación, segundo informa a dirección de Anova, foi do 47 por cento da afiliación. Lidia Senra, con 419 votos, e Carlos Lorenzo, con 91, foron os que máis apoio acadaron para se incorporaren á lista coa que concorren ás europeas. Desde o gabinete de Anova destacan que os votos recibidos por Lidia Senra superan os apoios que obtivera a opción 1 no referendo interno realizado para resolver a forma de concorrencia nas eleccións europeas.

Abstención d@s crític@s

No referendo interno, a opción 1 -a de ir a Europa na listaxe de IU- obtivera 380 votos, face os 369 dos militantes que optaban por ir en coligación con forzas nacionalistas de esquerda e/ou con plataformas da esquerda rupturista española. É evidente que unha importante porcentaxe d@s afiliad@s que apostaron nesta última opción hoxe non se viron estimulados a iren votar, após a retirada da carreira de Luís Eyré Palleiro.

Algunhas das agrupacións foron adiantando na rede os resultados das votacións, antes de que a organización ofrecera o cómputo xeral, entre elas, Santiago onde o respaldo a Lidia Senra foi grande, con 39 votos fronte aos 6 de Carlos Lorenzo Simón ou os 5 de Eduardo García e unha porcentaxe de participación dun 48%. En Ourense a diferenza non foi tan aguda debido, en boa medida, a ser a agrupación á que pertence o candidato Carlos Lorenzo Simón que acadou 32 votos, dez menos, de todas maneiras, que Lidia Senra que se fixo con 42 nunha mesa cunha porcentaxe maior de votos, o 66% da afiliación. 

Só 6 votos no Val Miñor

Tamén fixeron públicos os datos do Val Miñor que dan conta da decisión de non participar no proceso de boa parte das persoas que aparecen no censo da organización. Desta maneira, só foron emitidos 6 votos, cunha abstención do 92,11% e unha participación do 7,89%, segundo fixeron constar a través das redes sociais desde a propia agrupación do Val Miñor. 

Os resultados da votación evidencian a existencia de comarcas cun moi alto porcentaxe de abstención, en especial, aquelas nas que o sector crítico é maioritario, as que manifestaron o seu desacordo coa integración na candidatura de IU. Ademais do caso do Val Miñor cun 92% de abstención, hai que sumar o do 93 % de Redondela, o 88% de Sober e Lemos, o 89 % da Limia, o 80% da Coruña ou o 76 % do Salnés, sobre a listaxe de militantes que manexa a formación.

Desde Anova-IN destacan "a normalidade da xornada e a radicalidade democrática do proceso".

Comentarios