Liberdade provisoria para o sindicalista Telmo Varela após dous anos preso baixo a lei antiterrorista

A defensa vén de presentar un recurso de apelación contra a sentenza a catro anos de cárcere ao consideralo culpábel dun delito de depósito de explosivos acontecido en 2010. O xuíz acordou a posta en liberdade namentres non se resolve, ao levar Varela cumprida a metade da condena.
photo_camera Telmo Varela, no momento do xuízo [SG]


O xuíz acordou esta cuarta feira a posta en liberdade do sindicalista vigués Telmo Varela namentres agarda que se resolva o recurso de apelación presentado polo avogado da defensa, Borxa Colmenero.

Condenado a catro anos de cárcere por un delito de depósito de explosivos que se tería rexistrado en decembro de 2010, o 10 de marzo cumpriría dous anos en prisión preventiva, a metade da condena que lle foi imposta.

Telmo Varela sentou no banco d@s acusad@s do xulgado do Penal nº1 de Vigo canda o tamén sindicalista Miguel Nicolás os días 5 e 6 de febreiro. Ambos foron enxuizados por senllos delitos de danos e depósito de explosivos, considerando culpábel do primeiro a Nicolás e do segundo a Varela. A fiscalía acusábaos de ter guindado un cóctel molotov contra unha oficina de emprego situada no barrio de Coia hai dous anos, cando os dous militaban na CUT.

Sindicalista, mais clasificado en réxime FIES 3, propio de banda armada

A Varela prendérono o 10 de marzo de 2011 e leva desde aquela encarcerado en prisión preventiva e suxeito á lei antiterrorista. Todo este tempo estivo clasificado en réxime FIES 3, aplicado a pres@s vinculad@s con banda armada, e foille denegada a petición de liberdade alegando risco de fuga e de destrución das probas, colocando riba da mesa unha condena anterior que cumpriu integramente, por pertenza aos Grapo.

Xustamente esa condena, de 1992, foi usada como agravante para elevar a petición de pena por parte da fiscalía. Sería este un dos argumentos do recurso de apelación presentado, tomando en conta que as sentenzas prescriben aos cinco anos, polo que esta leva prescrita desde 1997. Colmenero mantivo esta mesma cuarta feira unha vista de liberdade en que acordou co Ministerio fiscal solicitar que Varela saise de prisión até que se resolva o recurso. De non se pronunciaren a favor do preso, tería que cumprir os dous anos que quedan até completar os catro da condena.

Tamén reclamou o letrado que non se tivera gardado a cadea de custodia na fita de video en que aparecerían imaxes de Varela nun zulo no monte. Recalca Colmenero que non existía "carga probatoria suficiente" para o condenar. Porén, na sentenza xustifícanse as contradicións entre os policías que declararon "pola presión á que estaban suxeitos durante o xuízo".

Comentarios