Levantado o segredo do sumario sobre a maior trama de corrupción política da Galiza

Na operación Pokemon están implicados máis de cen cargos públicos, entre eles os dous últimos alcaldes de Santiago (Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, do PP); dous dos últimos alcaldes da Coruña (Carlos Negreira do PP e Francisco Vázquez do PSdG-PSOE); o ex-rexedor de Ourense (Francisco Rodríguez, do PSdG-PSOE) e o alcalde de Lugo (Xosé López Orozco, do PSdG-PSOE).

pokemon_dentro
photo_camera Un traballador do xulgado de instrución nº1 de Lugo transporta a documentación [Imaxe: E.T.]


A xuíza Pilar de Lara levantou o segredo de sumario sobre a maior parte dos dados da investigación que instrúe a respeito da maior trama de corrupción política da Galiza, a baptizada como Operación Pokemon. Entre as máis de cen persoas imputadas atópanse os actuais alcaldes de Santiago (Ángel Currás do PP), A Coruña (Carlos Negreira tamén do PP) e Lugo (Xosé López Orozco do PSdG-PSOE). Mais non só. Están tamén encausados os ex-rexedores de Santiago (Gerardo Conde Roa do PP), da Coruña (Francisco Vázquez do PSdG-PSOE) e de Ourense (Francisco Rodríguez do PSdG-PSOE). 

Así as cousas, o informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira en que aparecen os nomes dos rexedores e ex-rexedores sinala que a maneira de actuar do grupo Vendex --o eixo central da operación-- "era similar ao de organizacións criminais do narcotráfico ou do lavado de diñeiro". Unha mafia empresarial que procuraba contratos nos concellos galegos a cambio de sobres con billetes.

Lugo. Di o devandito informe que o rexedor lucense López Orozco cobrou de Vendex por volta de 2.000 euros ao mes como "condición indispensábel" para que o concello aumentara as prazas da ORA e o número de vehículos que retiraba o guindastre municipal. Todo isto após selar un compromiso: "se ti non me fallas eu non che fallo". Segundo consta no documento, Vendex chegou a se desculpar con Orozco porque lle "debían" tres mensualidades, mais a empresa tamén se queixou porque en Lugo se esixían pagamentos que non tiñan que desembolsar noutras cidades. 

Ourense. Vixilancia Aduaneira colocou no seu escrito que Francisco Rodríguez --ex alcalde ourensán que presentou a súa demisión-- recibiu como agasallo un Rolex por valor de 6.000 euros. "Xa está a factura do reloxo do alcalde e son seis mil euros e pico", óuvese nunha das gravacións resultado do pinchazo dos teléfonos móbiles dos políticos, de varios funcionarios e dos directivos da empresa, a adxudicataria do servizo da ORA en Ourense. Tamén se paralizou un concurso de servizos de limpeza após os primeiros contactos entre Rodríguez e a dirección de Vendex para voltar convocalo algo máis tarde cunhas condicións máis ventaxosas para esta empresa. Entre @s encausad@s en Ourense está tamén Fernando Varela, ex-concelleiro de Deportes polo BNG. Apenas unhas horas após a súa detención foi demitido e afastado de todas as súas responsabilidades políticas.

Santiago. O informe asegura que o actual alcalde, Ángel Currás, coñecía as circunstancias fraudulentas da adxudicación dun xardín de infancia ubicado no barrio de Salgueiriños e que foi el propio quen se entrevistou co delegado de Vendex na Galiza para pechar as contratacións de persoal, todas a dedo. A empresa adxudicataria foi Sermasa. Os currículos filtráronse nas dependencias do concello e mesmo Currás propuxo unha persoa para que fora contratada. Tamén se tiveron en conta os nomes que deu Rebeca Domínguez, naquela altura concelleira de Educación e imputada na Pokemon; e os que achegou o concelleiro do PSdG-PSOE Bernardino Rama, encausado tamén. Vixilancia Aduaneira entende que Currás quitou a concurso a adxudicación do servizo e convidou outras empresas a solicitaren a concesión co único obxectivo de lle dar apariencia legal ao proceso.

A Coruña. A labazada vai para dous dos últimos gobernos municipais: o de Carlos Negreira (PP) e o de Francisco Vázquez (PSdG-PSOE). Abriuse aquí unha póla da operación Pokemon, baptizada como Pikachu, ao estaren baixo sospeita contratos por valor de 12 millóns de euros outorgados tanto na etapa do rexedor actual, Carlos Negreira, como na de Francisco Vázquez, a quen, por certo, na trama coñecían co sobrenome de 'O Embaixador'. Estas contratacións representan a meirande parte da facturación total de Vendex na Galiza. Máis unha vez, esta empresa era a adxudicataria do servizo da ORA e do guindastre municipal, concedidos en 2005 polo goberno de Francisco Vázquez. Os contratos entre o concello e Vendex chegaron a ser 16 e hoxe son 10, dos cales a metade "aínda están a ser licitados", segundo recoñeceu a comezos de xaneiro Carlos Negreira cando a xuíza De Lara ordenou un rexistro da casa consistorial en María Pita.

Comentarios