Lembranza popular a Moncho Valcarce vinte anos despois, nas Encrobas

“A túa semente segue viva”, é o lema do cartaz da homenaxe a Moncho Valcarce que terá lugar día 31 de agosto a partir das 12 da mañá. Será nas Encrobas e comezará a carón da Igrexa e o busto do que foi crego da parroquia que se rebelou para defenderen a súa terra. Vinte anos despois da súa morte, o crego das Encrobas recibe unha homenaxe popular. 

Moncho Valcarce
photo_camera Moncho Valcarce

Nas Encrobas, no lugar de Pontoxo no que está a igrexa e o busto en lembranza de Moncho Valcárce comezará a homenaxe popular na lembranza do crego nacionalista cando se fan vinte anos da súa morte. De aí naceu o nome polo que será sempre coñecido, o “crego das Encrobas”. Ninguén esquece que o párroco se puxo á par da veciñanza para defenderen os dereitos sobre a súa terra, fronte á vontade de arrasalas de Fenosa. 

Unha ofrenda floral no monumento dedicado a Moncho Valcarce ás 12 horas cunha homenaxe poética-musical na que intervirán Pilar Pallarés, Manuel Lugrís, Xosé Fraga, Xulio L. Valcarce, Ramón Vilar, Xosé´se Elías Ramil, Baldomero Iglesias, Luis Liñares coa música de Xosé Taboada mais a gaita de Xosé M. Ares interpretando o himno galego dará paso a un xantar de irmandade no propio lugar. 

Moncho Valcarce defendeu os dereitos de labregos e labregas nas Encrobas. 

Á tarde desenvolverase a entrega dos Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugrís Rodríguez e o Museo do Pobo Galego nun acto que incluirá a dedicatoria a os todos os premiados e as actuacións das pandereteiras das Encrobas, Lydia Botana “Bolboreta”, César Morán, Paco Campos, Xosé Taboada e A Quenlla. Nun local próximo poderán verse videos e diversos materiais relacionados co cura das Encrobas. 

Moncho Valcárcel iniciouse na militancia nacionalista na AN-PG, sendo candidato ao senado nas eleccións do 1977 polo BN-PG, formación pola que sería concelleiro en Culleredo, na segunda corporación xa como membro do BNG. Desenvolveu un amplo e intenso labor no sindicalismo nacionalista desde as Comisións Labregas. 

A súa personalidade solidaria e revolucionaria fixo que fora un dos protagonistas, á carón da veciñanza no conflito das Encrobas, cando a empresa Lignitos de Meirama quixo arrebatar as terras ás labregas e labregos aproveitando un decreto asinado por Franco. Moncho Valcárce levaría xa para a historia o nome de crego das Encrobas, a parroquia na que foi detido en 1977 por defender os dereitos dos que traballan a terra. 

Comentarios