Legumes Minuca: o negocio que chegou até o bisneto

José Manuel Mancebo, de Legumes Minuca,  en Carballo, é o digno herdeiro dunha estirpe forte de mulleres, que fixeron das feiras o seu salvoconduto para tirar adiante na vida. Xa a súa bisavoa e a súa avoa comprábanlle na feira á xente do campo para logo vender a almacéns ou a tendas de coloniais como a que tiña Luis Calvo na vila  antes de converterse nun referente estatal no mundo das conservas. 

Fabas do caldo
photo_camera Fabas do caldo

A tradición, e tamén o alcume, as da Roda, foi pasando de nai a filla de xeración en xeración: da bisaboa, Carmen da Roda, á avoa, Mucha da Roda, e da avoa á nai, Minuca, que lle dá nome ao negocio que na actualidade rexenta José Manuel.

Fomos xunto a José Manuel para saber da historia dun negocio familiar, Legumes Minuca, que chegou xa á cuarta xeración. Pero con el descubrimos moito máis. Algunhas cousas sorprendentes e agradables, como saber que a zona de Carballo estivo, dende os anos 60 aos 90, entre as principais produtoras de fabas do Estado e mesmo de Europa. Outras tamén sorprendentes pero moito menos agradables: a desaparición das sementes autóctonas, como as fabas do "riñón", as do caldo ou as de fabada; a caída en picado da produción duns anos a esta parte, debido ao abandono do campo, e as estratexias agora utilizadas polas grandes empresas de legumes, que importan as fabas en países como Arxentina ou a India, malia a publicitárnolas nos medios como fabas autóctonas.

"Carballo estivo, dende os anos 60 aos 90, entre as principais produtoras de fabas do Estado e mesmo de Europa".

A historia desta familia é un espello da historia do importante pasado labrego da comarca, cando Bergantiños era unha nutrida despensa non só de fabas, senón tamén de trigo, millo ou patacas, e tamén é espello da non menos importante tradición feiranta carballesa. De feito unha non podería existir sen a outra: as feiras de Carballo non chegarían a ter tanta sona sen os produtos dos nosos labregos e labregas. E isto, a importancia feiranta de Carballo, é do primeiriño que nos recalca Minuca cando comezamos a falar con ela: "E é que Carballo ten seis ou sete feiras". "Tantas?", preguntamos. "Si, claro, as dos catro xoves do mes, o segundo e o cuarto domingo do mes e, cand

o hai feirón, unha de regalo".

En cabalo á Coruña

Todo comezou cando a bisavoa de José Manuel, Carmen Rodo, con cinco fillos e o home que fora e viñera varias veces de Arxentina, con vivenda de alugueiro na rúa Berdillo, decidiu buscar un modo de vida. Collía o cabalo e ía até a Coruña, onde compraba laranxas para logo revendelas na vila. Pasou das laranxas ao mundo das legumes e dos grans, e foi aí onde naceu a tradición feiranta da familia. Carmen Rodo, ben ao seu pesar, non sabía ler (pedíalle ao home, e logo á neta, Minuca, que lle lera o xornal), pero de intelixencia andaba sobrada e non só ideou un modo de vida para saír adiante nos tempos que corrían, senón tamén para as xeracións vindeiras da familia, até chegar mesmo ao bisneto.

Mucha, a filla de Carmen e a avoa de José Manuel, meteuse de cheo no negocio. O seu home, Manuel, viñera da Guerra Civil enfermo do corazón, quizais de todo o que alí tivo que ver e vivir. Era condutor e tocáballe levar aos soldados mortos ás fosas. Algúns, dicía, aínda ían vivos para o foxo. Así que o mundo das feiras converteuse no soporte principal da economía familiar. Minuca, con quen falamos para esta reportaxe, empezou a ir ás feiras para comprar mercadoría con só 13 anos, con feixes de diñeiro de até 200.000 pesetas que levaba gardados nunha bolsiña xunto ao peito. Era unha rapaza moi esperta e nunca, nunca, lle roubaron, dinos con orgullo.

"Todo comezou cando a bisavoa de José Manuel, Carmen Rodo, con cinco fillos e o home que fora e viñera varias veces de Arxentina, con vivenda de alugueiro na rúa Berdillo, decidiu buscar un modo de vida".

Naqueles mundos o negocio funcionaba de maneira distinta. O produto que elas compraban nas feiras revendíanllo a almacéns de Carballo como os do Zorro, que aínda existen, os de Botas, a do Chorón, Verdes ou Suárez. Alí  contaban co diñeiro preciso para a compra venda de cantidades grandes de produción, e coa maquinaria necesaria tamén para cribala, seleccionala e vendela logo para toda España e mesmo nalgunha ocasión para o estranxeiro, a destinos como Francia ou Cuba. 

Os almacéns irían pechando a finais dos 80 e principios dos 90, e o negocio familiar tivo que reinventarse. José Manuel, que xa á volta da mili se animara a traballar coa nai (a disgusto do pai, que quería que fora ferreiro coma el) empezou a levar a mercadoría directamente a fóra de Galicia, no seu camión, sen intermediarios, e comezaron a encargarse tamén do cribado e seleccionado previo cunha máquina traída de Vigo que, coméntanos José Manuel, debe estar preto dos cen anos.

Cando os campos deixan de producir 

Agora chegou o momento dunha segunda reconversión, ben dolorosa, porque os produtos cos que traballaban, aqueles que produce o noso campo, están a desaparecer. Tal é así que José Manuel e a súa muller houberon de reinventarase e, no almacén onde antes se amoreaban os sacos de fabas, agora teñen, dende hai medio ano, unha froitería. A caída da produción de faba, nos últimos tres anos, foi brutal. José Manuel debulla datos que o fan evidente.  No 2000, dinos, podía haber nunha feira entre 80 e 100 toneladas de faba asturiana e do riñón. No 2010, esa cantidade baixou a unhas 20 toneladas.

"Con gusto, explícanos as diferencias entre a faba asturiana, a do riñón ou de chavella, a de fabada ou femia, a roxa, a redonda branca ou a pinta". 

En 2013, na feira máis forte do ano, houbo tan só 20.000 quilos. "Agora mesmo, na comarca de Bergantiños, non creo que haxa máis de 30.000 quilos de faba. E esa era a cantidade que antes podías atopar na feira a iso das dez da mañá", dinos.

O actual responsable de Legumes Minuca é todo un experto do mundo das fabas. "Ben poderías facer unha tese", dicímoslle. Con gusto, explícanos as diferencias entre a faba asturiana, a do riñón ou de chavella, a de fabada ou femia, a roxa, a redonda branca ou a pinta. Algunha delas están a piques xa desaparecer. A partir dos anos 90 comezaron a ser substituídas pola asturiana, que levaba mellor prezo. 

José Manuel ama o seu oficio, o que tamén foi o oficio das súas antepasadas, o que el mesmo viviu dende que, con só sete anos, xa acompañaba a súa nai ás feiras a termar dos sacos ou a vixiar a quen por alí andara con afán do alleo. É o último chanzo dunha estirpe e dun mundo que, se ninguén cambia a inercia da corrente, dentro de moi pouco terminará por extinguirse.

Comentarios