La Gaceta di que "o separatismo galego" ataca a figura de Rosalía

O xornal dereitista refirese na súa capa á polémica xerada arredor da escolla da escritora Marta Rivera asegurando que o BNG "arremete" contra ela "polo seu último libro".

Nunca a escolla dunha persoa para conmemorar o 8 de marzo xerara tanta polémica. A decisión da Xunta de Galiza de elixir a escritora Marta Rivera para homenaxear Rosalía de Castro co gallo do Día Internacional das Mulleres fixo ferver as redes sociais e os medios de comunicación. A autora, cuxa obra foi publicada integramente en español, ten colaborado con Galicia Bilingüe e ten mostrado a súa hostilidade coa normalización da lingua galega. Neste senso, numerosos colectivos e persoas a título individual criticaron o Goberno Feijóo por esta escolla, considerándoa un escarnio para a cultura galega.

Neste senso, o grupo parlamentar do BNG inquiriu ao goberno da Xunta para que explicase os motivos que o levaron a encomendar a Marta Rivera a lectura dun poema co gallo do 8 de marzo e criticaron con dureza que a única literata que participou na homenaxe fose unha persoa que se caracteriza pola súa belixerancia contra a lingua galega. A polémica xurdida, após responder Rivera ás críticas xeradas arredor da súa participación no acto institucional, foi recollida polo diario español La Gaceta --publicación editada polo grupo de comunicación Intereconomía. Porén, o titular da nova, publicado este domingo fixo abalar as redes sociais ao asegurar que "o separatismo galego", en alusión á organización frontista, batía "contra a figura de Rosalía de Castro".

Marta Rivera calificou o BNG de "merluzos" por criticaren a súa escolla como literata na homenaxe que a Xunta organizou arredor de Rosalia o 8 de marzo en Padrón

Aliás, nun alarde de descoñecemento e incomprensión a respeito das denuncias d@s nacionalistas, o diario afirma nas súas liñas que o BNG "arremete" contra Marta Rivera polo seu último libro".

Após o anuncio de que Rivera tomaría parte do acto, a súa conta oficial na rede social Twitter rebordou de críticas, mas tamén dalgún que outro apoio. A escritora, que non rexeitou dar resposta a aquelas persoas que a inquiriron mesmo polas súas declaracións, dedicou varios chíos @s nacionalistas do BNG, d@s que dixo seren "uns merluzos".

No entanto, a gañadora do Premio Planeta 2011 rematou por afirmar "sentir de verdade" que a súa participación no acto molestase "tanto", sobre todo por ser un evento que, resalta, procuraba homenaxear "a muller traballadora, Rosalía érao e eu tamén o son".

Aliás, a homenaxe foi promovida pola Xunta de Galiza para conmemorar Rosalía de Castro no seu ano, unha figura quee malia as interpretacións de Marta Rivera, patentizou na súa obra unha fonda conciencia de xénero e nacional. 

Comentarios