CONVENCIÓN NACIONAL

Jorquera: “Só o BNG pode transformar o malestar social en enerxía positiva para o cambio real”

A Convención nacional do BNG reuniu en Compostela a centos de afiliad@s e simpatizantes nun acto coral en que se aclamou a Francisco Jorquera como candidato nacionalista á Xunta da Galiza

Perto de 3.000 persoas asistiron á Convención
photo_camera Perto de 3.000 persoas asistiron á Convención. Foto de D. Boquete

Había expectación, dentro e fóra do BNG, pola Convención nacional, o primeiro acto de calado da fronte nacionalista tras a súa XIII Asamblea  e as súas xa coñecidas e máis que mediáticamente divulgadas secuelas. A presenza de centos de persoas, procedentes de diferentes partes do país e que ateigaron o aforo do auditorio do Palacio de Congresos de Compostela (non poucos quedaron sen sitio e seguiron as intervencións de pé), debeu despexar máis dunha dúbida. Non só pola afluencia, mais tamén pola animación, compromiso e dinamismo de militantes e simpatizantes nacionalistas, que transformaron a Convención nacional nun encontro de reafirmación, non só co BNG, senón con Galiza e a posibilidade dunha mudanza real,  a teor do expresado por orador@s e presentes. ‘En Bloque, podemos’ pasou de ser o lema da Convención a expresar un sentir compartido dos e das asistentes de que a alternativa nacionalista “forma un bloque coa sociedade galega” para virar o rumbo do país, en palabras de Francisco Jorquera, cara á Soberanía, Democracia e Traballo.

Francisco Joquera foi o protagonista dun acto en que foi aclamado como candidato do BNG á presidencia da Xunta. O aínda parlamentario nacionalista no Congreso dos Deputad@s manifestou que “só o BNG pode transformar o malestar social e a xusta indignación da xente en enerxía positiva para un cambio real” na Galiza. Un cambio, abondou, en que o importante “sexan as persoas e non os mercados”.

Para o candidato nacionalista, estes tres anos de goberno de Núñez Feijóo supuxeron a constatación do mandato dun presidente “escravo do frío dogmatismo liberal”, “sen corazón, sen alma e sen sensibilidade para cos problemas dos e das galegas”, o que se traduciu nun escenario en que o desemprego supera o 20%, os servizos públicos sufren graves recortes ou a perda progresiva de poder político e financeiro de Galiza. “Feijóo fixo da Xunta unha simple delegación do gobermo central”.

“Formar un bloque coa sociedade galega”

Perante un panorama tan preocupante, incidiu o candidato nacionalista, faise máis preciso ca nunca un “cambio real”, o que debe de vir, finalizou a súa intervención, de “formar un bloque coa sociedade galega” para construír a alternativa ao PP. Unha apelación que foi respondida polos milleiros de asistentes con salvas de aplausos ao ritmo de “B-N-G”.

A intervención de Jorquera puxo o final a unha Convención que comezara hora e media antes e en que sobre o escenario tiveron voz desde membros da Executiva nacional da organización até alcaldes e alcaldesas, pasando por representantes de diferentes colectivos (afectad@s polas preferentes, membros da comunidade educativa, mozas traballadoras do rural ou profesionais da sanidade). Unha aposta plural e coral que coincidiu en sinalar  ao BNG como a ferramenta que garante que hai outro xeito de facer política.

Aymerich e a navegación dos mariñeiros fronte aos ‘aventureiros’

Carlos Aymerich foi recibido cando se dispoñía a tomar a palabra cun prolongado aplauso do auditorio en pé que o emocionou. Coreou a palabra de orde (“B-N-G”) que pronunciaban as persoas asistentes e deu inicio a unha intervención en que botou man do mundo do mar para fiar diversas mensaxes. “No nacionalismo falamos moito de barcos: estamos no mesmo barco, temos que levar este banco a porto…” sinalou Aymerich para engadir deseguido: “Mesmo durante moitos anos empregamos a metáfora de Ulises e a viaxe a Itaca para referirnos á navegación do nacionalismo”, un enunciado que trouxo á memoria as coñecidas referencias das intervencións de Beiras na Quintana nos Días da Patria. E, nese punto, Aymerich afirmou: “Gosto máis dos mariñeiros que dos aventureiros”-

Aymerich proseguiu animando á militancia nacionalista a facer como as persoas mariñeiras “que nunca se queixan do mar”, senón que saben que o importante “é ter un bo barco”. E para o deputado, “para esta marea no barco do BNG temos ao mellor capitán, Francisco Jorquera”. E finalizou a súa intervención citando a Fausto: “O barco do pobo sae trunfante se o pobo sempre for comandante”.

Da crise á esperanza

Mais na Convención houbo tamén outras intervencións, como a do alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, que calificou a situación de Galiza de “emerxencia nacional”, de aí a necesidade dun cambio de rumbo do país que só o BNG pode protagonizar; ou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que enumerou as “desfeitas” de tres anos de goberno de Feijóo (“cando os veciños pregunten que fixo Feijóo hai que lembrarlles que non fixo, desfixo”).

A eurodiputada Ana Miranda incidiu en que o BNG está a defender en Bruxelas sectores como o naval, o agro ou a pesca, “pois a Xunta non o fai”; e Rafa Vilar, da Executiva Nacional, animou as persoas presentes a traballaren para “conquistar a soberanía nacional”, lembrando que “En Bloque somos quen, porque a forza do noso amor non pode ser inútil”. Iria Aboi, pola súa parte, levou á Convención a voz dos mozas e mozos nacionalistas, mentres que Xavier Vence, do Consello Nacional, defendeu a Banca Pública Galega como base para construír unha “economía dinámica e creadora”.

A portavoz no Parlamento galego, Ana Pontón, animou á sociedade galega a non se render “porque o futuro non está escrito” e puxo ao BNG como exemplo de que hai “ideas, alternativas e principios” para mudaren a realidade actual.

Guillerme Vázquez e o orgullo nacional

O portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, foi outra das persoas que colleitaron constantes aplausos ao longo da intervención. Vázquez referiuse a Jorquera como “unha persoa coherente e con palabra”, algo que “nestes tempos non é a norma”, e mandou unha mensaxe de tranquilidade ás persoas presentes e á sociedade galega: “Estamos aquí, a pesar do que digan nas campañas de intoxicación masiva que sufrimos no BNG, cun PP que emprega os medios de comunicación públicos para desprestixiar ao Bloque Nacionalista Galego”. Vázquez animou ás e aos asistentes a “proclamar que hai futuro para a nosa nación” e a que exerzan “o orgullo de ser galeg@s e do BNG”.

Treboada de bombos, humor combativo e esperanza para @s máis nov@s

Non foi un acto político ao uso. A Convención nacional comezou coa entrada da Treboada de Baixo Miño facendo retumbar o Palacio de Congresos cos seus bombos, recibidos polos asistentes co ondear de centos de bandeiras, aplausos e berros de “BNG, BNG”. O decorrer do acto estivo animado por Isabel Risco, actriz que non deixou puntada sen fío e que deixou unha desas frases para mover polo twitter: “O de Feijóo non son recortes, son desbroces”.

A actuación musical de Sés, interpretando “Tempestades de sal” e apelando a que haxa futuro para as galegas máis novas foi outra das novidades dunha Convención en que, en palabras de Francisco Jonquera, “o BNG inicia unha nova etapa para relanzar a alternativa ao PP”.

Foto de portada: X. Muras

Comentarios