Jorquera: ''Non insulte os desempregados. Cobrar o paro non é un agasallo, é un dereito conquistado''

O representante do BNG no Congreso español arremete contra o machelazo aos dereitos sociais e laborais anunciado por Mariano Rajoy e convídao e demitir após asestar a maior labazada da historia ao Estado do benestar

"Dixo vostede que non é posíbel medrar e crear emprego. Se realmente pensa iso é mellor que dimita". Taxativo, o candidato do BNG á presidencia da Xunta e voceiro no Congreso español, Francisco Jorquera, reprochou ao Goberno central que o machelazo anunciado esta cuarta fará pagar aos sectores máis desfavorecidos a factura da crise. Así as cousas, as medidas que saíron da boca de Mariano Rajoy supoñen a maior labazada da historia ao Estado do benestar.

Cebouse cos dereitos sociais, acelerando a posta en marcha da reforma das pensións, reducindo as prestacións por desemprego a partir do sexto mes e incrementando o IVE do 18% até o 21%. Facémonos eco agora daquel berro pronunciado desde as bancadas da oposición por un alarmado Rajoy: "Van subir o IVE até das chuches".

Foi lacónico Jorquera á hora de facer un resumo da comparecencia do titular do Executivo español. "Isto é Grecia dous", espetou o nacionalista, insistindo en que se están a cargar a ombreiros "das minorías sociais" as consecuencias dunha crise que non crearon. Sen esquecer @s afectad@s polas participacións preferentes de Novagalicia Banco, tildou de "inaceptábel" a entrega de 100.000 millóns á banca nun estado "intervido de facto" disfrazado de rescate e, após preguntar que pasará con estas persoas, respostou a si propio que será a troika quen decida e "xa ditaron que haberá unha quita".

Rajoy non recorta, ''estimula'' a procura de emprego
Diante do panorama, Jorquera insistiu: "Rescátase a banca a costa de sacrificar o benestar e os dereitos do pobo en forma de brutais recortes", enfatizou, para insistir máis unha vez na perda de soberanía que supón a axuda prestada ao sector bancario, unha perda que traerá canda si, razoou Jorquera, "máis concentración e centralización", e que se traducirá en que caixas e entidades territoriais boten o peche.
O voceiro do BNG criticou severamente a amputación anunciada para as prestacións por desemprego, que pasarán do 60% ao 50% a partir do sexto mes. "A cobertura do desemprego non é un agasallo, é un dereito adquirido polos traballadores. Non insulte os parados". E é que o líder do PP valeuse máis unha vez dos eufemismos para sinalar que a prestación non era un recorte, senón "un estímulo" para a procura activa dun emprego.

Os concellos, baixo o control das deputacións
O deputado nacionalista atacou as medidas de Rajoy, e recalcou que "vostedes ensáñanse cos máis débiles e son extremadamente débiles co máis forte", pondo como exemplo a suba do IVE, pese a facer da negativa a subilo o cliché das comparecencias dos primeiros meses do seu Goberno. Estaba anunciado desde marzo un incremento para o vindeiro ano, mais finalmente a dereita decidiu aplicalo xa, e após a aprobación no Consello de Ministros desta sexta, subirá do 18% até o 21%. O tipo reducido --aplicado a hostalería, turismo ou cine-- pasará do 8% ao 10%. O superreducido do 4%, que grava os produtos de primeira necesidade, manterase de momento.

Continuando coas propostas do Executivo español, Jorquera foi tamén moi crítico coas medidas que suporán maior poder para as deputacións, en detrimento dos concellos. "A súa reforma da Administración ten trampa, válense da crise para centralizaren o estado". E, de paso, o Estado do benestar ficará desmantelado, ao seren as comunidades as que xestionan "gran parte" do gasto social. "O desmantelamento competencial dos pequeños
concellos que non persigue outro obxectivo que potenciar unhas institucións caducas pero que lles resultan moi útis para someter aos concellos ao seu control partidario", censurou, para concluír, o parlamentar do BNG.

Comentarios