Jorquera salienta na RG que o BNG é a forza con máis achegas da militancia e que menos depende de subsidios

O BNG é “a forza política de todo o Estado que máis se financia grazas ao esforzo de militantes e menos depende de doazóns”, sinalou Francisco Jorquera nunha entrevista na Radio Galega. O voceiro parlamentar afirma que o BNG aposta por unha reforma que impida as doazóns a partidos políticos. 

Francisco Jorquera
photo_camera Francisco Jorquera

“O problema das doazóns privadas é que acaban somentendo á forza política á obediencia de quen a financia”, afirmou Francisco Jorquera na Radio Galega ao respecto do escándalo do financiamento ilegal do PP do que, ao seu ver, o grave non é só os cobros irregulares senón que revela que “goberna en función dos grupos de interese que subsidiaron as súas campañas. Contra casos como o destapado a través dos papeis de Bárcenas, o BNG aposta “radicalmente” por unha reforma que impida aos partidos financiarse a través de doazóns. 

Jorquera afirmou tamén na entrevista que Galiza necesita "amplos espazos de libre decisión" máis aínda que Catalunya e Euskadi, por iso, enfatiza, élle preciso ter unha potente forza política propia do país. 
Defendeu así que o BNG sigue apostando por unha candidatura unitaria ao Parlamento Europeo, que teña como obxectivo un modelo de transformación para unha Europa dos Pobos e na que se integren forzas nacionalistas soberanas. 

Preguntado por si a marcha dun deputado de AGE a Copenhage podería ser utilizado polo PP para xustificar a redución do número de escanos no Parlamento, Jorquera sinalou que o partido no goberno está “aproveitando” esta situación para o que chamou a súa “proposta trampa” que ten como fin que o peso da primeira forza política “se vexa sobrerrepresentado” no Parlamento, no sentido inverso, ao seu ver, dunha cámara máis próxima á cidadanía.

Comentarios