Jorquera lembra que "Aznar debería sentarse entre os acusados polo Prestige"

O candidato do BNG participou na concentración de Nunca Máis no comezo do xuízo, onde denunciou que “Feijóo privatizou medios de salvamento”.
Jorquera na concentración de "Nunca Máis"
photo_camera Jorquera na concentración de "Nunca Máis"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, participou xunto a centos de persoas na concentración convocada pola plataforma Nunca Máis ás portas de ExpoCoruña, onde tivo lugar o comezo do xuízo pola catástrofe do Prestige, da que están a piques de cumprirse dez anos. Durante a mesma, o cabeza de cartel nacionalista botou en falta “que estean imputados os máximos responsábeis da xestión, en concreto o máximo responsábel político que foi o xefe do goberno, o señor Aznar. El era o que tiña que estar sentado no banco dos acusados”.

“Dez anos despois as nosas costas seguen igual de indefensas para evitaren que unha catástrofe coma aquela poida volver producirse. Incluso nalgunhas cousas estamos peor, posto que o goberno Feijóo mesmo privatizou os servizos de salvamento e a consecuencia é que nun país cun dos corredores marítimos internacionais máis importantes, cun elevado volume de tráfico, de buques con mercadorías perigosas non se tomaron as medidas preventivas necesarias para evitar ese tipo de catástrofes e tampouco hai as medidas necesarias para respondelas se se volven producir”, explicou Jorquera.

O dirixente do BNG, que estivo acompañado da eurodeputada Ana Miranda e da número dous pola Coruña Ana Pontón, pediu que a cidadanía de Galiza extraia “conclusións da incompetencia e o desprezo a Galiza que manifestaron naquel momento os gobernantes do PP, cuxas responsabilidades políticas aínda están sen depurar”.

Comentarios