Jorquera empraza a Feijóo a ''deixar o electoralismo en América'' e ''dar a cara'' no Parlamento

Durante un reparto informativo en Arteixo, pediu a comparecencia do presidente galego para dar conta dos efectos que os recortes de Rajoy --que a Xunta apoiou-- terán para a sociedade e para a economía na Galiza. Valorou a suba do IVE como ''peor que a anunciada no Congreso'', ao se igualar co imposto aplicado nos estados intervidos por Bruxelas
photo_camera Jorquera en Arteixo. Imaxe: BNG

En Arteixo, nun reparto de material informativo de cara ao Día da Patria, o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, arremeteu contra a actitude do titular actual do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, a quen convidou a "deixar de facer electoralismo en América" --está en Montevideo, de visita á colectividade de emigrantes [email protected] para "asumir a súa responsabilidade" explicando no Parlamento galego como lle van afectar á Galiza os recortes ideolóxicos impostos polo Executivo central.

Cadraron xa na cuarta feira BNG e PSOE ao reclamaren a comparecencia de Feijóo na Cámara galega, pois o día en que Mariano Rajoy anunciou reducións na prestación por desemprego, a suba do IVE do 18 ao 21% ou a retirada da paga de decembro ao persoal da función pública, o presidente da Xunta estaba de viaxe en Aranjuez, pronunciando unha conferencia.

Acompañado pola responsábel comarcal da formación nacionalista, Silvia Seixas, e pola vicevoceira do grupo parlamentar, Ana Luisa Bouza, Jorquera reprobou igualmente a actitude de Feijóo no Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado a quinta feira. Mentres Castilla y León e Extremadura "mantiveron unha posición digna" ao non votaren a favor dos recortes, Galiza si que deu o seu visto e prace. As tres autonomías están gobernadas polo mesmo partido, o PP. E após tal decisión, "optou por fuxir e por embarcarse nunha viaxe de claros tintes preeleitorais, pagada con fondos públicos".

Avaliando as medidas confirmadas na sexta polo Goberno español, nunha rolda de prensa ao remate do Consello de Ministros, Jorquera detívose na "brutal" suba do IVE, "moito máis dura da que anunciou Rajoy no Congreso" a cuarta feira. "Supón un salvaxe incremento de 13 puntos" nalgúns produtos e servizos que mudan o tipo impositivo que os grava, como a perruquería, a estética, os musicais, o cine, os concertos, o teatro ou a compra de lentes e lentes de contacto subirá do 8 ao 21%, ao igual que os servizos funerarios ou dentais, ao pasaren do tipo reducido ao tipo xeral. Porén, a suba notarase tamén nalgúns produtos que estaban xa no tipo xeral, mais cuxo imposto sobre do 18 ao 21%, tal é o caso das compresas e dos tampóns, por exemplo.

Salientou que o tipo xeral sitúase 2 pontos por enriba do tipo xeral en Alemaña e Holanda e xa apenas 2 pontos por debaixo do que rexe en Grecia, Portugal e Irlanda, os tres Estados formalmente intervidos pola UE. "O impacto sobre o consumo será enorme con consecuencias devastadoras" para autónomos e pequeno comercio, cuxo tiro de graza llo deu Rajoy seguindo os cantos de serea das grandes superficies, ao aprobar a liberalización dos horarios das tendas e a posibilidade de ofrecer rebaixas durante todo o ano.

Máis en Galiza
comentarios