Jorquera defende na lembranza de Bóveda a democracia e o autogoberno fronte á á fraude electoral de Feijóo

Traer a Bóveda ao presente foi o exercicio do discurso do candidato á presidencia da Xunta do BNG, Francisco Jorquera no acto máis político do Día de Galiza Mártir. A actualidade do ideario do que fora secretario do PG toma vixencia nos conceptos de democracia e autogoberno para se defenderen da fraude electoral que prepara Feijóo.
photo_camera Francisco Jorquera. Imaxe: Xaquín

Caía case a noite cando o acto máis político da xornada comezaba na Praza de Curros Enríquez de Pontevedra, no espazo no que, ano tras ano, ten o seu peche o Día de Galiza Mártir, diante do busto coa imaxe de Bóveda. A soberanía e a democracia foron os conceptos defendidos polo candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, fronte aos que queren retallar o poder do pobo e os dereitos sociais, no deseño dun modelo que está nas antípodas, ao seu dicir, do PP.

O PP procura, ao seu ver, “degradar o Parlamento galego e impedir que sexa a expresión da pluralidade real da sociedade, que sexa a expresión da verdadeira vontade do pobo galego” dixo, referíndose ao que chamou “pucheirazo electoral” de Feijóo. “Non é de estrañar que estes tempos de involución económica e social, de recortes salvaxes aos dereitos das maiorías sociais traian tamén na mochila un ataque brutal contra a democracia e o autogoberno” alertou.

Francisco Jorquera botou man do ideario de Alexandre Bóveda para o traer á actualidade, para mostrar a vixencia defendida por un BNG que, coma el sinalou, cumprirá dentro dun mes as súas primeiras tres décadas de existencia. Porén, a historia vén de máis lonxe, dunha construción que ten o xermolo en Castelao, Rosalía e Bóveda entre outros, dos que os nacionalistas se mostraron herdeiros.

Debullou Jorquera o pensamento de Bóveda, sempre acaído, para interpretarnos o presente e deseñarmos o futuro que o nacionalismo quere para o país. A comezar, no seu xeito de entender, que “non hai autodeterminación sen autoorganización. Porque a autoderminación se exerce todos os días, actuando con plena independencia na práctica e no pensamento”. “Sen autoorganización a defensa da autodeterminación é pura retórica” dixo Jorquera, ao tempo que afirmaba que Bóveda defendía a necesidade de organizacións propias e soberanas.

Tamén do ideario económico de Alexandre Bóveda tirou Jorquera leccións para o presente, unha das máis relevantes a necesidade da creación dun banco nacional galego, acorde coa defensa do BNG dun banco público galego “para que o noso aforro non emigre e se poña ao servizo do país”, aseverou Jorquera ao tempo que defendeu a soberanía fiscal e financeira, en sintonía coa denuncia de Bóveda da discriminación nas relacións fiscais entre Galiza e o Estado.

Lección de Bóveda é, en definitiva, a súa ética política, o seu compromiso coa terra e co seu ideario que o levou mesmo a dar a súa vida por Galiza. Con Bóveda como exemplo, Jorquera quixo botar abaixo a demonización da política, a idea de “todos son iguais” que no caso do asasinado na Caeira toma especial forza. “Bóveda non era igual que os fascistas que o asasinaron” berrou Jorquera, conducindo o argumento ao seu extremo.

Comentarios