João Camargo partillará a experiencia das loitas portuguesas nun encontro na Coruña

O activista e autor do libro 'Que se Lixe a Troika' manterá unha xuntanza con movementos socias e ofrecerá unha conferencia este serán en Monte Alto.

João Camargo
photo_camera João Camargo

A retroalimentación entre as experiencias de combate contra o réxime neoliberal e a presente crise que teñen lugar en Portugal e en Galiza centrará esta sexta feira o encontro que o activista João Camargo manterá na Coruña con diversos movementos sociais da cidade e a posterior palestra que ofrecerá para presentar o seu libro 'Que se Lixe a Troika'. Ambos actos terán lugar no Colexio Curros Enríquez, o primeiro ás 19:00 horas e o segundo ás 20:00.

Joao Camargo é enxeñeiro medioambiental e xornalista. Traballou de profesor en Mozambique até 2010 e na actualidade é unha das caras máis coñecidas dos movementos de protesta portugueses. Membro de Precários Inflexíveis, foi un dos organizadores da manifestación do 15 de setembro de 2012 baixo o lema “Que se lixe a Troika, Queremos as Nossas Vidas” e da mobilización do 2 de marzo “Que se lixe a Troika, o Povo é Quem Mais Ordena”, dúas das maiores marchas realizadas en Portugal nos últimos anos.

Os encontros son abertos e foron convocados por varias organizacións, entre elas a CIG, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Asemblea de Desempregad@s, Ve-la Luz, BNG, Comités, Adega ou a Asociación de Veciñ@s de Monte Alto.

Comentarios