Un interno da Lama ingresa no Hospital despois de 24 días en folga de fame

O interno do cárcere da Lama, JGC, ingresou no Hospital de Pontevedra por risco de morte despois de 24 días en folga de fame e 3 de sede. O interno protestaba contra os malos tratos e malas condicións no penal. 

cárcere da lama
photo_camera cárcere da lama

Esculca, a través do colectivo Galiza-Sur da Coordinadora Anticarceraria Cárcere=Tortura (CACT) denuncia que un interno do cárcere da Lama ingresou no Hospital de Pontevedra por risco de morte despois de pasar 24 días en folga de fame e 3 de sede. O interno JGC denunciaba, segundo a CACT, “ineficacia sanitaria na cadea, a arbitrariedade á hora de quitar permisos e as coaccións e malos tratos que sofre a poboación reclusa”. 

O interno, orixinal de Cádiz, ingresou o día 5 de decembro no Hospital de Pontevedra por risco de morte. Segundo as razóns que levaron a JGC á folga, o seu avogado Raúl López sinala que “en canto á desatención médica, o centro penitenciario negoulle a saída do hospital para unha cirurxía prevista o 9 de decembro, presuntamente, por falta de vehículo”. 

A JGC, segundo o seu avogado, suspendéronlle tamén un permiso concedido por, atoparlle un disckman sen etiquetar, é dicir, sen nome de propietario. Malia presentar alegacións e ter testemuñas de compañeiros que apoian a súa versión, incluído o que se confesa propietario do aparato, o interno continúa sen recibir resposta sobre a súa reclamación. “Segundo afirma o propio preso, el e os presos que actúan de testemuñas están a padecer coaccións e malos tratos dos funcionarios para que retiren as alegacións”, denuncian desde a CACT. 

Acto de protesta 

A CACT convoca para este 7 de xaneiro unha concentración diante do Hospital Provincial de Pontevedra ás 19:00 e solicita que se envíen comunicacións e se chame ao cárcere da Lama en apoio ao interno e como denuncia da situación. JGC recibiu quince días despois de iniciar o seu xexún a comunicación de traslado a Sevilla, o que sería, segundo o seu avogado, un novo castigo para o interno cun estado de saúde de extrema gravidade e con varias citas médicas e permisos de saída na Galiza. 

Comentarios