Iniciativas contra o “imposto ao sol” que penaliza o autoconsumo enerxético

Tanto a Lei do Sector Eléctrico como o decreto que está a preparar o Goberno central penalizan e aproban barreiras insalvábeis para o autoconsumo enerxético. O BNG reclamará Xunta no Parlamento iniciativas que apoien o autoconsumo e neutralicen os atrancos que xa hai e que aínda poden ir a máis.

autoconsumo
photo_camera autoconsumo

O vindeiro día 17 debaterase en comisión no Parlamento galego unha iniciativa do BNG que busca eliminar barreiras a autoxeración enerxética e apoiar o autoconsumo. As limitacións que está a poñer a lei 24/2013 e as que porá o decreto que está a preparar o goberno supoñen trabas que limitarán o desenvolvemento da autoxeración de enerxía. Esixencia de contadores, presentación de proxectos, rexistro. prohibición de compartir o autoconsumo, o chamado “peaxe de respaldo” para a enerxía producida ou un desmedido réxime de sancións son algúns dos requisitos que situarán ao do Estado español no cumio dos gobernos penalizadores da autoxeración enerxética e servirán para disuadir da súa instalación. 

“Esta medida supón un auténtico “imposto ao sol” obrigando a pagar por conceptos absurdos co único obxectivo de impedir o seu desenvolvemento. Conxunto de medidas que protexen ás grandes empresas eléctricas ante o aumento da competencia e a democratización dun sistema eléctrico que supón o autoconsumo”, explican desde o BNG na iniciativa rexistrada pola deputada Carme Adán e o voceiro Francisco Jorquera para quen tanto a lei como o decreto suporán un freo á produción de enerxías renovábeis e, pola contra, servirá para protexer ás grandes eléctricas e manter o oligopolio do mercado. 

Un marco de competencias propio

Fronte a política do Goberno central, algúns executivos de gobernos autonómicos como o das Illas Baleares están a incentivar as instalacións de enerxías renovábeis e a promocionar o autoconsumo. O BNG busca coa súa iniciativa instar á Xunta a se posicionar e requírenlle un programa de axudas e subvencións para impulsar o autoconsumo ademais de demandar do Estado un marco de competencias propio que posibilite o desenvolvemento dunha normativa propia que apoie a autoxeración. 

“A posibilidade de que os consumidores xeren a súa propia electricidade implica consecuencias extraordinariamente positivas no eido económico e social do país. O autoconsumo pode e deber ser unha alternativa de futuro aos actuais sistemas de xeración de enerxía eléctrica”, defenden, polo que solicitan á Xunta medidas para a súa promoción. 

Comentarios