Recortes, conflitividade e deterioro do ensino público, materias do novo curso para a CIG-Ensino

Unha Iniciativa Lexislativa Popular, impulsada pola CIG-Ensino, reclamará a restitución dos dereitos do profesorado, a defensa do ensino público e o combate á LOMCE. Os recortes increméntanse nun curso a piques de comezar e que vén, segundo o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao “cargado de conflitividade”. 

Imaxe dunha mobilización da CIG contra os recortes no Ensino
photo_camera Imaxe dunha mobilización da CIG contra os recortes no Ensino

O catálogo de problemas aumenta no ensino público no inicio dun novo curso que a CIG-Ensino cualifica como “cargado de conflitividade”. O  propio día 10 de setembro, marcado como inicio das xornadas escolares, delegados e delegadas da central nacionalista concentraranse diante da Consellaría de Educación para denunciar os recortes no ensino público, eixo central das protestas que conducirán á presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular que impulsa a CIG-Ensino. Con ese fin, o sindicato iniciará unha campaña de asembleas nos centros para a recollida de sinaturas co fin da presentación da iniciativa parlamentar. 

"Progresivo deterioro do ensino público, carencia de profesorado, supresión de unidades, masificación das aulas, e marxinación do galego no novo curso"

Para resumir a situación coa que ensinantes e alumnado se enfronta ao novo curso, o secretario nacional do sindicato con maior representación no ensino, Anxo Louzao falou dun progresivo deterioro do ensino público, carencia de profesorado, supresión de unidades, masificación das aulas, e marxinación do galego, temas todos que conducirán á Iniciativa Lexislativa Popular que contan presentar no Parlamento. 

Sen cubrir as vacantes nun curso de recortes

A negativa da Consellaría a cubrir as vacantes reclamadas polos centros ademais da aplicación da LOMCE conducen a un novo curso no que, segundo declarou Louzao en rolda de prensa, se experimentará un aumento da “segregación do alumnado, privatización, confesionalidade, liquidación da cativa xestión democrática que quedaba nos centros e españolización”. 

Como “chapuza e trapallada” cualificou a decisión de Educación de aprobar de forma “ilegal” en pleno mes de agosto a orde que establece os currículos de  1º, 3º e 5º  de Primaria mesmo sen estar aprobado o decreto que ten que regulalos. Tamén na ilegalidade considera a CIG-Ensino que persiste a Consellaría ao continuar cos concertos con centros que segregan por xénero, a pesares da sentenza en contra. 

O catálogo de cifras dan medida, segundo a CIG-Ensino do deterioro do ensino público que se producirá neste novo curso xa que, segundo os datos que aportan, suprimiranse 63 unidades en infantil e primarias mentres se concertan 79 novas co ensino privado concertado. Suprímense máis de 3.000 prazas de profesorado nos últimos cinco anos, reducíndose os cadros de persoal dos centros sen cubrir as xubilacións. A inestabilidade do profesorado vai tamén en aumento e, neste sentido, un 18% descoñece o seu destino até días antes do inicio do curso. O alumnado con necesidades especiais padecerá tamén o deficiente número de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe afectará ao alumnado con necesidades especiais. 

Á relación de recortes súmase tamén a falta de prazas de FP e de educación infantil de 0 a 3 nun curso no que a Formación Profesional Básica só se implantará en 87 Concellos. 

O galego en situación de emerxencia

De “cruzada contra o galego” definiu Louzao a política da Consellaría de Educación pola que a nosa lingua desaparece do ensino infantil en vilas e cidades con presenza cada vez menor noutros niveis. “A situación é tan alarmante –dixo- que nin sequera son capaces de facer a avaliación da aplicación do Decreto do Plurilingüismo porque testaría o retroceso alarmante do ensino en galego”, sinalou Anxo Louzao.

Afins e itinerancias, en aumento 

Tamén na adxudicación definitiva de destinos os recortes están a afectar ás condicións laborais do profesorado. En Primaria adxudicáronse 343 itinerantes, un 13% do total cun aumento do 5% con respecto ao ano anterior quedando un 7,17% suprimidos ou desprazados. Un 9%,  206, terán que impartir afíns e a situación máis grave laboralmente será a de 70 ensinantes que terán que impartir afíns ademais de itinerar en varios centros. 

"De “cruzada contra o galego” definiu Louzao a política da Consellaría de Educación pola que a nosa lingua desaparece do ensino infantil en vilas e cidades"

O incremento de prazas de interinaxes e substitucións en Secundaria é de 42 e 143, o que non se corresponde co amplo número de xubilacións de profesorado. 882 terán que impartir afíns, 15% máis que o curso pasado chegando ao grao extremo dun profesor ao que a administración lle adxudica unha praza con 8 materias afíns. En canto ás itinerancias, en Secundaria incrementaranse neste curso en preto dun 50%. 

17 sentenzas en contra e incremento de "ilegalidades"

“A Consellaría mantén unha actitude antidemocrática, autoritaria e arrogante coa que segue sumando sentenzas en contra.  A CIG-Ensino leva gañadas 17 sentenzas sobre diferentes asuntos de alcance colectivo en contra de actuacións da Consellaría en diferentes instancias xudiciais: salas do contencioso administrativo, TSXG e Tribunal Supremo . É inadmisible que a estas alturas o conselleiro non dimitira ou sexa cesado porque estas actuacións deberían ser razón suficiente para inhabilitalo”, criticou o secretario nacional da CIG-Ensino, lamentando tamén que, malia esta situación, a Consellaría continúe a aproveitar o verán para aprobar lexislación como a orde de adxudicación de concertos a centros que segregan, a modificación de cadros de persoal e currículos ou a orde que impide ao profesorado CELGA impartir cursos de linguaxe específica. 

Comentarios