A ILP DO HOSPITAL DE LUGO, "DESCAFEINADA" POLO GRUPO MAIORITARIO

A Iniciativa Lexislativa Popular que se converteu en lei do Partido Popular

Chegou ao Hórreo apoiada por máis de 42.000 sinaturas e agora os votos do PP aproban un texto final transformado polas súas emendas que pouco ten a ver coa Iniciativa Lexislativa Popular. Os partidos da oposición falan de “burla” ao Parlamento. 

hula lugo
photo_camera hula lugo

O PP apoiara, canda todos os grupos do Parlamento, a tramitación da ILP que reclamaba os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no hospital de Lugo, dereitos para os que, segundo sinalaba o texto que chegaba co apoio de 42.000 persoas e máis de 200 colectivos, esixían igualdade a respeito do resto da cidadanía. No pleno desta terza feira, o texto lexislativo chegaba tan descoñecido que até os promotores da ILP reclamaban o seu rexeitamento. As emendas do PP transformaron o espírito inicial cara outro que non recoñecían nin os que elaboraran a iniciativa lexislativa. A ILP, que conseguira o apoio unánime dos grupos parlamentares na súa presentación, acabou transformándose nun texto que só ía ser aprobado cos textos do PP. Na oposición chovían críticas de “burla” á vontade popular, de “fraude” parlamentar, ademais de acusacións á formación conservadora por estar, afirmaban, a privatizar a sanidade pública. A sesión foi tensa en especial cando interviu o deputado do PP, Jaime Castiñeiras -de quen se fala como posíbel candidato á alcaldía en Lugo-, momento no que a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, parou o pleno a pesar de que se achegaban xa as dez da noite. 

Burla do PP

“Emendada, desvirtuada e rebaixada de contido”, así valorou a proposición de lei que foi debatida no pleno o deputado do BNG, Cosme Pombo, que pediu a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera polo que cualificou como “desprezo” á ILP máis apoiada da historia galega. O PP “burla”, segundo o deputado nacionalista, a demanda de máis de corenta mil persoas que só esixían igualdade de trato que se concretaba nun servizo de hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. “Servizos básicos e vitais para unha poboación de máis de 350.000 persoas, envellecida, moi dispersa, nunha orografía complicada e con invernos ben duros”, dixo Pombo. 

A deputada da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla, denunciou que o PP estaba a converter a ILP pola igualdade das persoas doentes de Lugo nunha porta para a privatización. Lamentou que o partido de Feijóo deturpe agora un texto apoiado socialmente. “O que, na iniciativa orixinal, pretendía ser un dereito”, dixo a deputada, “muda nun asunto relacionado co negocio e a privatización”. Puxo no debate os datos que o propio Sergas lle proporcionara que falan de 2.082 traslados de pacientes con cancro desde 2011 a 2013, 3.627 por cardiopatías isquémicas nese tempo e cinco persoas falecidas polo camiño. 

Inxustiza que continúa 

Tamén desde o grupo socialista se sentiu a acusación de “mentira e burla” por parte do PP por ter alterado o sentido da ILP. Falou a deputada Concepción Burgo de “hipocresía do goberno do PP e de Feijóo” por ter votado a favor da Iniciativa para emendala despois até mudar o seu sentido. O PP, segundo dixo, “non compromete nada, pero abre a porta á transferencia de pacientes á sanidade privada”.” Si cren que cunha sucesión de mentiras, medias verdades, enganos e trucos van calar á sociedade, están equivocados”, aseverou para denunciar a seguir a situación de inxustiza que sofren as persoas que habitan a provincia de Lugo, con grandes desigualdades de servizos sanitarios co resto da poboación. 

Comentarios