A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade pídelle ao PP que tome nota das mobilizacións

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade estima en máis de cinco mil as persoas que participaron nas once concentracións diante de centros hospitalarios que se desenvolveron na sexta feira. Convoca á cidadanía  a partillar da manifestación nacional do próximo día 17 de novembro e reclámalle ao PP que atenda a demanda cidadá. 

No Clínico de Santiago
photo_camera No Clínico de Santiago

Arredor de cinco mil persoas mobilizáronse a pasada sexta feira nas once concentracións convocadas por todo o país segundo estima a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública. Concentracións en A Coruña, Ferrol, Santiago, Cosa da Morte, Ribeira, Lugo, Monforte, Burela, Ourense, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía mostraron a oposición ao repagamento de medicamentos e reclamaron unha sanidade pública, gratuíta e de calidade. “Agardamos que o PP tome nota da resposta masiva a estas mobilizacións, pois vai ser a capacidade de presión que sexamos quen de facer, a fortaleza que demostre a reposta popular a determine se os doentes de cancro van ter que seguir a pagar polas súas medicacións”, sinalou o voceiro da Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública, o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa. 

Coa convocatoria de mobilización nacional do 17 de novembro en Compostela co lema “O copago mata. Pola defensa da gratuidade da sanidade en Galiza” no horizonte, Estoa asegurou que as protestas non terán remate até que se derogue o decreto ou a Xunta adopte a posición de gobernos que non van aplicar o repagamento de medicamentos. Tanto Asturias como Castela León -con xestión do PP- anunciaron xa que ían asumir parte do custo da medicación para evitar o repagamento a pacientes. 

A Iniciativa nace, segundo o Alcalde de Riotorto, “como unha proposta da sociedade organizada mais tamén daqueles Concellos que aspiran a operar como auténticas trincheiras contra a ofensiva do capital que pretende levar por diante os dereitos sociais básicos”. Sinalou desta maneira que quere ser unha canle para que a sociedade galega poida loitar “por conseguir e garantir un dereito básico como é a universalidade da sanidade” e, en concreto, a derrogación do Real Decreto 16/2012  que está na orixe do repagamento de medicamentos. 

O primeiro alcalde do Estado que se mostrou insubmiso ao copagamento de fármacos que se dispensan nos centros hospitalarios incidiu en que, con esta medida, o goberno do PP atravesa todas “as liñas vermellas de sanidade” ao estipular o pago de medicamentos como Afinitor ou Tyverb usados en cancros de mama ou Votrient ou Temodal empregados para cancro de ril ou tumores cerebrais. 

Comentarios