Ingresa en prisión o independentista detido en Ferrol

Júlio S.S. pasou esta quinta feira a disposición xudicial na Audiencia española e negouse a declarar. A outra arrestada, Sílvia C.S., negou calquera ligazón coa organización Resistencia Galega, á que pretenden vinculala, e quedou en liberdade sen fianza. En virtude da lei antiterrorista, @s dúas foron incomunicadas tan pronto as prenderon. Ela ficou 36 horas nesta situación; el, case 72

A Audiencia española vén de decretar o ingreso en prisión para Júlio S.S., o independentista detido esta segunda feira en Ferrol canda a súa parella, Sílvia C.S. En virtude da aplicación da lei antiterrorista, @s dúas foron incomunicad@s de inmediato. Ela ficou 36 horas nesta situación; el, case 72.

A pesares de cadrar cun día feriado, o xuíz Eloy Velasco tomoulles declaración esta quinta feira, após quedar a moza en liberdade na cuarta ao non atopar a policía española indicio algún na súa contra. Porén, prestou declaración perante Velasco, negando calquera ligazón coa organización Resistencia Galega, á que pretenden vinculala. O maxistrado do tribunal español decretou a súa posta en liberdade sen fianza, mais imputouna por colaboración. Durante o tempo de prisión incomunicada, Sílvia S.C. ficou afastada do seu fillo, unha crianza de oito meses que só se alimentaba de leite materno.

Pola súa banda, Júlio S.S. negouse a declarar e xa ingresou no penal español de Soto del Real, lonxe do seu domicilio. O mozo foi encausado ao consideralo parte do 'aparello de financiación' de Resistencia Galega, se ben durante os rexistros practicados na vivenda que a parella partillaba en Narón, a policía española incautouse unicamente de follas de propaganda, unha axenda e material informático.

Segundo contan os avogados da defensa, o ingreso en prisión viría motivado por unha carta da cal a policía española se incautou no rexistro dun domicilio na operación do 30 de novembro de 2011 e cuxa autoría lle atribúen a Júlio S.S. Segundo a versión policial, na misiva, escrita á man, relatábase o estado das contas da citada organización.

Mostras de solidariedade

Desde diferentes colectivos e entidades do País tense amosado nestes días a solidariedade coas dúas persoas detidas en Ferrol, para alén da denuncia contra o operativo levado a cabo pola Policía Nacional. Entre estes atópanse Galiza non se vende, Mulheres nacionalistas galegas ou Redes Escarlata, alías da plataforma Que Voltem a Casa.

Comentarios