O independentista Eduardo Vigo, absolvido no xuízo por "confección de explosivos"

O compostelán, veciño de Angrois, enfrontaba unha pena de oito anos de prisión que virían sumarse aos 18 anos que lle impuxo a Audiencia Nacional española en setembro, nunha sentenza que non é firme aínda. Porén, ficou "absolvido con todos os pronunciamentos favorábeis" ao non existir "proba de cargo" na súa contra. 

Eduardo Vigo
photo_camera Eduardo Vigo nas Olimpiadas Populares [SG]


O militante independentista Eduardo Vigo ficou absolvido do delito de "confección de explosivos con finalidade terrorista", polo que a Fiscalía da Audiencia Nacional española pedía para el oito anos de cadea. A sentenza, correspondente a xuízo realizado na AN o 25 de setembro, conclúe que non existe "proba de cargo" contra Vigo. As pegadas achadas nunha luva no garaxe da súa casa, no lugar de Angrois, "non son suficientes" para demostrar que fose el quen fabricou os explosivos localizados en 2007 no carro en que viaxaba o seu irmán, Santiago Vigo. 

Así as cousas, os feitos que se lle imputaban terían acontecido en decembro dese ano, cando o irmán do acusado fora detido pola Guardia Civil canda o tamén independentista José Manuel Sánchez Gorgas no momento en que se dispuñan a colocar un artefacto nunha caseta de información en Porto do Son, pertencente a unha inmobiliaria. Os dous mozos foron xulgados e condenados a catro anos de prisión, ficando ceibos en decembro de 2012.

Porén, a Fiscalía solicitou que se abrise o sumario ao dar por probado que fora Eduardo Vigo quen fabricara o artefacto. "Atoparon unha luva no garaxe dunha casa onde todos son traballadores; traballan coas mans, non se dedican a escribir novela nen a declamar poesía. Nesa luva había pegadas de toda a familia e imputaron Eduardo porque non procedía imputar a nai ou o pai por fabricaren explosivos con finalidade terrorista", razoou Alejandro Cortizas, un dos avogados que se ocupou da defensa do compostelán. 

En conversa con Sermos Galiza, Cortizas explicou como a Fiscalía "intentou aproveitarse" da sentenza ditada en setembro contra Vigo e outr@s tres militantes do independentismo galego. Nela, o mozo foi condenado a 18 anos de prisión --oito anos por "participación en organización terrorista", outros oito por "tenza de explosivos con fins terroristas" e dous por "falsificación de documento oficial"-- e outros 9 de liberdade vixiada.

A rebufo da sentenza que dá por demostrada a existencia de "banda armada"

"Mudaron as conclusións para incluír que Eduardo fora condenado", subliñou o letrado. Segundo relatou, pola tribuna pasaron outra vez peritos da Guardia Civil --como aconteceu no xulgamento a Antom Santos, María Osório, Roberto R. Fialhega 'Teto' e o propio Vigo entre o 24 e o 27 de xuño-- que chegaron a recalcar o seu convencemento na autoría do independentista afirmando que lle foran intervidas as comunicacións --sen orde xudicial--, para se corrixiren de inmediato sinalando que o que fixeran fora pedir unha orde para llas intervir, mais que a intervención non fora autorizada.

Aliás, trataron de conducir o xuízo polo vieiro de que na Galiza opera unha banda armada e que Vigo fai parte dela. Con todo, "a xuíza acotou moi ben os temas do debate e interrompeunos varias veces para lles dicir que non quería argumentos políticos, senón probas de que Eduardo fabricara ou non eses explosivos", continuou explicando Alejandro Cortizas. 

Eduardo Vigo foi detido a finais de novembro de 2010 na autoestrada AP-9 en dirección a Compostela. A policía española incautouse dunha mochila que levaba no carro e que contería tamén un artefacto explosivo. Desde aquela fica preso, submetido á dispersión e, até xuño deste ano, tamén sen ser xulgado nin condenado.

Comentarios