O incendio comezou na parroquia de Calo, concello de Teo, declarouse ao longo da tarde da segunda feira un incendio que arrasou máis de vinte hectáreas de monte e fixo que se activara a alerta 2 polo perigo de vivendas próximas. Pasaban xa das cinco horas e media da tarde cando se detectou o lume que se propagou con grande rapidez, axudado polas altas temperaturas da que se está a definir como posibelmente a xornada máis cálida do verán.
Segundo fontes presenciais, posibelmente o lume contara con varios focos o que explica a súa rápida propagación. Os efectivos desprazados por Medio Rural mostráronse insuficientes e tiveron que ampliar o dispositivo dada a dimensión do lume. O incendio divisábase desde moitos puntos de Santiago desde onde se albiscaba unha inmensa nube negra de fume. O alcalde, Rafa Sixto, e o BNG de Teo criticaron a tardanza e a insuficiencia dos efectivos que Medio Rural enviou ao lugar do lume.
A tarde foi complexa tamén nos incendios de Sober, en Lugo e Boborás, en Ourense. Segundo a información oficial das 22.30 horas, o incendio de Sober atopábase estabilizado e procedíase a desactivara a alerta 2 que indicaba a posibilidade de afectar a vivendas e bens non forestais. A superficie afectada a tal hora, segundo información da Consellaría, era de 15 hectáreas.
A última información proporcionada do incendio de Boborás falaba xa de 40 hectáreas ardidas nun lume que rexistrou catro focos. En Teo, pola súa parte, o incendio deuse por controlado ás 21.44 horas e desactivouse tamén a situación 2 nun lume que afectou a máis de 20 hectáreas.