Un incendio destrúe o Monte Pindo

O monte Pindo está destruído despois dunha noite na que o lume arrasou máis de 1.600 hectáreas e asediou varios núcleos de poboación do concello de Carnota. O seu alcalde, Ramón Noceda, confirmaba ás 9 da mañá que o Pindo "acabouse, está completamente destruído". 

Monte Pindo ardendo
photo_camera Foto: Asoc. Monte Pindo (AMPPN)

"O incendio foi provocado e foron a polo monte Pindo" dicía o alcalde Ramón Noceda ás nove da mañá, cando examinaba como o lume, que os efectivos de incendio dicían controlar, seguía a cebarse no concello de Carnota. "O monte Pindo está arrasado, destruído. Levamos moitos anos pedindo maior protección e non se concedeu. Se estivera protexido non se tería provocado este desastre. Agora alí non queda nada vivo" comentaba o alcalde despois dunha noite longa na que houbo que cortar a estrada e moitas vivendas estiveron en perigo de arder. Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, o seu secretario Mario Maceiras adiantaba que pedirán responsabilidades políticas polo acontecido nun monte que, ao seu ver, estaba desprotexido. 

O incendio comezaba a primeiras horas da noite no seu desenvolvemento asediaba os núcleos de San Cibrán, Cornido, Caldebarcos, Panchés, A Curra e Quilmas. A Asociación Monte Pindo confirmaba ás 3 da madrugada a “destrución case completa” do coñecido como Olimpo Celta. Negreira e Fonsagrada sofren tamén incendios sen controlar. 

"Perda irremisíbel"

Desde primeiras horas da noite un incendio cébase co monte Pindo. Comezou por volta e primeiras horas da noite e avanzou veloz axudado polo forte vento. Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural falan xa da “perda irremisíbel” do coñecido como Olimpo Celta. Un incendio sen control en Negreira que queimou xa, no balance de primeiras horas da mañá, máis de catrocentas hectáreas e outro aínda sen extinguir na Fonsagrada que leva xa devastado áis de 350 hectáreas fan da desta unha xornada tráxica para os montes galegos. 

O nivel 1 foi decretado no incendio do monte Pindo no que se puxeron en perigo varias aldeas da contorna. A parroquia de Arcos, en Mazaricos e Cornido e Panchés, en Carnota, quedaron rodeadas de chamas nunha noite na que a veciñanza contribuíu a apagar o lume e varias casas tiveron que ser desaloxadas. A proximidade a Quimas e Caldebarcos agravaban a situación dunha noite na que varias construcións deshabitadas foron arrasadas polas chamas. A dificultade da zona complicaron os labores de extinción dun incendio dunhas dimensións que non se lembran na Costa da Morte. 

Un Olimpo sen protección

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural falan da “perda irremisíbel do Monte Pindo”. Lamentan que despois de tres anos desenvolvendo accións cun importante movemento social que reclamaba protección e desenvolvemento sustentábel “xa non chegará a tempo para o Olimpo Celta”. 

A través do seu facebook, ás tres da mañá apuntaban que a súa "total solidariedade cos medios humanos que a estas horas arriscan as súas vidas para salvar as casas dos nosos veciños e o pouco que queda xa sen queimar no Olimpo Celta. Vós sodes os héroes".

Entrada a noite, a través dun comunicado informaban de que o “incendio esténdese imparábel polas súas ladeiras azoutado polo inxente vento e as autoridades e medios de extinción xa o dan por imposíbel”. “Este é o momento de lamentármonos polo que se podía ter feito e non se fixo. Axiña será o momento de pedir responsabilidades e dimisións a quen podendo facer algo pasou 3 anos pechando os ollos, as orellas e a razón á crúa realidade” denuncian. 

O incendio desta noite do día 11 do Monte Pindo acontece uns días despois de que o pasado 4 de setembro outro lume se cebara nas proximidades, no lugar de Arcos (Mazaricos). Daquela foran arrasadas 65 hectáreas e a Asociación Monte Pindo alertaba dos perigos que ameazaban unha zona. 

Fotos: Asociación Monte Pindo Natural

Comentarios