Imo e Ferrol conmemoran o 38 aniversario do asasinato de Reboiras

Movemento Galego ao Socialismo e Nós-UP desenvolveron senllas homenaxes ao nacionalista coincidindo coa data da súa morte

 

Homenaxes de MGS e Nós-UP e Moncho Reboiras
photo_camera Homenaxes de MGS e Nós-UP e Moncho Reboiras

Amais do recordo brindado á figura do militante acribillado a balazos en 1975, MGS e Nós-UP lembraron a loita de Reboiras e a vixencia das súas ideas na actualidade. 

No cemiterio de Imo (Dodro) --onde repousan os restos de Reboiras-- arredor de 80 persoas acompañadas do teólogo e historiados Francisco, tomaron parte do acto que anualmente convoca o MGS. 

Coma cada 12 de agosto @s militantes levaron a cabo unha ofrenda floral fronte a súa sepultura e analisaron a vixencia do ideario de Reboiras perante unha realidade coma a actual marcada pola crise sistémica e a "miseria", afirmaron, que devén das políticas neoliberais.

Por súa parte, Francisco Carballo --represaliado no seu día por denunciar publicamente o asasinato de Reboiras a mans do fascismo español-- fixo un repaso ao contexto histórico no que se enmarcou o asasinato do de Imo ao tempo que animou @s asistentes "a continuar a loita" emprendida por Moncho Reboiras. "Gañade", afirmou Carballo "non teñades medo desa xente do neo-capitalismo. Tede esperanza". 

Tamén así, o portal 27 da rúa da Terra en Ferrol acolleu máis unha homenaxe á figura de Reboiras, desta volta convocada por Nós-Unidade Popular. No acto, Bruno Lópes, responsábel nacional de Organización salientou "a loita pola independencia e o socialismo" que representa Moncho Reboiras e chamou a pular pola eclosión, dixo, de "dous, tres, moit@s Reboiras". 

Aliás, Lópes saudou o nacemento da iniciativa social Galiza pola Soberanía da que asegurou ser unha ferramenta necesaria perante "a situación de emerxencia nacional" provocada "polas brutais agresións de España e a UE". "É necesario", subliñou, "unir forzas" arredor dun "programa soberanista, de esquerdas e feminista" no camiño que, dixo, "Reboiras contribuíu a marcar".

Comentarios