Rojo expulsa da tribuna parlamentar a unha deputada do BNG por interpelar ao conselleiro sobre o sinistro de Angrois

O BNG abandonou o pleno do Parlamento ao entender que a presidenta estaba a exercer a censura e a impedir o debate democrático na Cámara. Vídeo no interior.

Preguntar a un conselleiro de Infraestruturas e Territorio en sede parlamentar sobre a traxedia de Angrois pode implicar a expulsión da tribuna de oradores da interpeladora. Aconteceu nesta cuarta feira. A deputada do BNG Ana Pontón tentou interpelar ao conselleiro Agustín Hernández sobre a traxedia ferroviaria de Angrois durante o debate sobre siniestrabilidade viaria. Horas antes debatérase a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente que custou a vida a 79 persoas. Mais PP e PSOE non apoiaron esa proposta de BNG e AGE.

Sobre o sinistro ficaron moitas preguntas sen resposta, de aí que a deputada Ana Pontón decidise, na súa quenda, preguntar ao conselleiro de Infraestruturas. Mais a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, decidiu cortar polo san e fixo 3 advertencias para despois suspender o son do micrófono. A xustificación? Que ese tema non viña a conto, pois xa fora tratado.

Expulsada Pontón da tribuna, o grupo parlamentar do BNG procedeu a abandonar o pleno en protesta pola decisión de Pilar Rojo. 

Comentarios