Vilamartín de Valdeorras maniféstase contra a moción de censura

A xente percorreu a vila facendo paradas nas vivendas dos líderes do PP e de APGa, partidos que presentarán unha moción de censura no vindeiro pleno para tombar ao alcalde socialista que goberna en minoría.
Manifestación contra a moción en Vilamartín
photo_camera Manifestación contra a moción en Vilamartín

A primeira moción de censura da actual lexislatura fíxose esperar. Era agardada por toda a veciñanza logo de que os comicios do 11 de marzo de 2.011 colocaran a Enrique Álvarez na cadeira da alcaldía xunto con tres concelleiros mais, mentres que os escanos da oposición se repartían entre PP a APGa, con catro e tres respectivamente.

A manifestación, baixo o lema “Non á moción de censura” percorreu as rúas de Vilamartín baixo a chuvia para acabar no Centro Sociocultural de Santa Lucía onde se lle deu lectura ao manifesto.

O concello de Vilamartín non viviu a transición até o 2.009, cando, pouco antes do pasamento do alcalde franquista Manuel Candal, o PP de Baltar aproveitou para sentar na alcaldía á súa herdeira, María Jesusa Candal. Eses movementos foron desencadeantes dunha ruptura interna no PP local que os levaron en 2.011 a presentar dúas candidaturas, a oficial do Partido Popular, e a súa marca branca, Alternativa Popular Galega (APGa). Partidos que no vindeiro pleno municipal se farán co goberno vilamartinés.

A mobilización, organizada polo entorno socialista do actual goberno, asegurou logo de ler un manifesto en contra da moción de censura, que tiñan sinaturas do 85% da veciñanza, para logo chamar ao estrado do Centro Sociocultural a “quen quixera dicir algo”. O alcalde Enrique Álvarez Barreiro foi o que tomou a palabra para dicir que non era un home de grandes discursos “pois non son político, son un home do pobo, só vos podo dicir que estou acojonado”. Pero soubo ben o que dicir cando sacou de guión para pasar a facer un resumo da súa xestión, que destaca, basicamente, por querer fusionar o seu concello co do Barco de Valdeorras pola afinidade dos dous alcaldes.

O que tamén tomou a palabra foi Antom Rodríguez, responsable local do BNG e sen representación no concello, que pediu un “exercicio de democracia para oporse á moción respeitando todas as opcións” pois cre que “oporse á moción de censura do PP non significa loubar a xestión do actual alcalde, xa que podemos caer en caudillismos”, e desto, en Vilamartín, saben un cacho.

Comentarios