A semente que nos fará vencer

Cada 12 de agosto o nacionalismo homenaxea a Ramón Reboiras Noia, Moncho, militante da UPG asasinado en Ferrol polo fascismo. Xunto co asasinato de Alexandre Bóveda, agosto convértese no mes da memoria.


Moncho Reboiras contaba só con vinte e cinco anos cando foi abatido a tiros nun portal de Ferrol. Dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) e membro destacado do seu comando de accións especiais, dedicara plenamente os últimos anos da súa vida á liberación nacional galega e á loita contra o fascismo. Na actualidade, a súa persoa correspóndese cunha das figuras máis importantes do nacionalismo galego.

Ramón Reboiras Noia, Moncho, comezou a súa andaina política no movemento obreiro en Vigo mais axiña se convertería no primeiro liberado da UPG –unha tarefa chave na loita contra o franquismo e pola liberación nacional da Galiza--. Desde a clandestinidade, Moncho, dirixiría o comando de accións especiais, do que tomaban parte Elvira Souto ou Margarida Ledo. Sen practicamente ningunha relación directa a máis das persoas que integraban o comando, Reboiras dedicaría a súa vida á loita política, tanto, que pagaría con ela o custo dunha terra liberada.

As compañeiras e compañeiros de Moncho Reboiras, –persoas que o coñeceron, outras que, como di a frase que se lle atribúe, son a semente da súa loita-- homenaxéano, máis un ano, en Ferrol, localidade onde caería o 12 de agosto de 1975 no número 27 da Rúa da Terra. Tamén o farán outras organizacións, das que el é guieiro na loita.

17 de agosto, Día da Galiza Martir
Agosto foi chamado o mes da memoria por se celebraren diversos actos ao longo do País (Cerdedo, Teo ou O Vicedo), en homenaxe ás vítimas da
ditadura franquista. Especial é a celebrada nos concellos de Poio e Pontevedra conmemorando o fusilamento de Alexandre Bóveda. Ilustre
galeguista, pai do Estatuto de 1936 e destacado membro do Partido Galeguista, Bóveda foi sentenciado a morte na Caeira mentres o seu
compañeiro Castelao fuxía para o exilio, do que máis nunca volvería. O vindeiro día 17 a Fundación que leva o seu nome, lembrará a figura
deste ilustre galego. 

Comentarios