Que hai dos dereitos sociais en tempos de crise?

Publicamos un caderno monográfico arredor da perda de dereitos fundamentais que está a padecer a sociedade por mor da crise. Unha "escusa" apuntan @s nos@s colaborador@s, "para desposuírnos do pouco que tiñamos". 

Capa_A_Fondo_SG81

Coa colaboración da Oficina de Dereitos Sociais do barrio vigués de Coia, Sermos Galiza edita un caderno monográfico arredor dos dereitos sociais. Vivenda, traballo, igualdade, liberdade de expresión e manifestación, comida... soan a día de hoxe como unha incertidume para moitas persoas e mesmo como un 'privilexio' para outras.

Porén, constitúen dereitos conquistados coa loita das xeracións que nos precederon embora na actualidade estaren a ser retallados sob o mantra da crise, a 'austeridade' e a necesidade 'imperiosa' de nos sometermos aos 'sacrificios' deseñados polos gobernos neoliberais e as institucións económicas internacionais. 

A partir desta premisa editamos un AFondo baixo o título Adeus dereitos sociais. Oito páxinas que abordan a perda de dereitos fundamentais mais que, tamén, se debruzan sobre as resistencias, voces, olladas transformadoras, comunidades, desobediencias e loitas que milleiros de cidadás e cidadáns por todo o país desenvolven na defensa do dereito ao traballo, á vivenda ou á igualdade. 

"Vivir dignamente é un dereito", claman desde o barrio de Coia en Vigo @s integrantes da Oficina de Dereitos Sociais (ODS), con elas falamos "da manipulación masiva ao empoderamento comunitario". Nunha extensa reportaxe asinada polo xornalista Christian López escoitamos as testemuñas de Beatriz, José Manuel ou Analia. Persoas que loitan desde a base contra a pobreza. 

Aliás, o activista de Stop-Despexos Coruña, Héctor Tejón, fálanos sobre a vivenda e o modelo a derrocar partindo dunha pregunta inicial: "por que unha necesidade básica ten que depender da nosa capacidade adquisitiva?". 

Tamén así, nunha dobre páxina, as doutoras en Ciencia Política e coordenadoras da Rede Armela, Marta Lois e Isabel Diz describen a realidade que están a viver as políticas de benestar e igualdade de xénero en tempos de crise. De antemán advirten, "no períorod de 2009-2013 a caída do gasto en políticas de xénero é do 74%". 

Mais como loitar contra esta realidade cando o goberno español prepara unha nova Lei de Seguridade cidadá que visa reprimir calquera resposta social? Fernando Blanco, presidente de Esculca, detállanos cales son as principais consecuencias do que di, é unha norma de "represión eficiente". 

Comentarios