Guerra aberta entre a Xunta, Sogama e os concellos

Após o decreto aprobado polo goberno de Feijóo, co que se muda as condicións do contrato entre Sogama e os concellos, o BNG avanzou que recorrerá xudicialmente o proceder da Xunta. 

BNG
photo_camera [Imaxe BNG]

Vai un ano desde que se iniciou o conflito entre a Xunta, Sogama e os concellos froito do taxazo aprobado polo goberno galego que supuxo un incremento do 34% da factura na xestión dos residuos. Naquela altura o executivo de Feijóo argüíu que esta medida contribuiría a cadrar as contas en Sogama, unha empresa pública que xestiona o 90% do lixo en Galiza mais que acumula perdas desde hai anos. Principalmente polo diñeiro adebedado, dunha banda en préstamos (máis de 33 millóns) e doutra, débeda subordinada á Xunta (máis de 25 millóns). Asemade, mantén un conflito competencial co Estado español polo que podería ter que asumir o pagamento de 17 millóns de euros. 

Porén, desde as localidades rexeitaron ter que afrontar unilateralmente este incremento no prezo e exixían que a Xunta fixese fronte a unha parte do sobre-custe que, para alén do máis, suporía unha mudanza no contrato inicialmente asinado entre as localidades e a incineradora de Cerceda. Neste senso, até 18 concellos decidiron devolver as facturas após iniciarse o cobro do novo prezo aclarando a Sogama que a relación contractual asinada só contempla un incremento igual á suba anual do IPC. 

Descontos nos Fondos de Cooperación para pagar a Sogama

Perante este acto de insubmisión o goberno galego vén de aprobar un decreto o 19 de decembro polo que "a efectos do non pagamento do canon unitario "as cantidades que corresponda aboar ás entidades locais en concepto de canon unitario, incluídas aquelas que se tivesen xerado polo dito concepto unha vez transcorrido o prazo de dous meses desde a entrada en vigor da Lei 11/2013, estas terán a consideración de líquidas, vencidas e exixibles para os efectos do seu aboamento con cargo ás cantidades que correspondan a cada municipio como participación no Fondo de Cooperación Local, por instancia da sociedade pública xestora do sistema, mediante acordo de retención ditado polo órgano encargado da xestión do citado fondo segundo a súa normativa reguladora", recolle o Diario Oficial de Galiza (DOG). 

O Bloque advirte que continuará "até o final" co rexeitamento ao sobrecuste na factura do lixo 

Isto é, aquelas administracións locais que non están a abonar o taxazo verán recortados os seus orzamentos dos que se descontará a contía reclamada por Sogama. Para tal fin a Xunta apela á Lei 11/2013 pola que se fixan as contas da comunidade para 2014. 

O BNG recorrerá a decisión

Logo de se coñecer esta medida, desde o Bloque Nacionalista Galego, organización á que pertencen algúns dos concellos insubmisos avanzaron que recorrerán xudicialmente o proceder do executivo galego. Desde a fronte nacionalista afirman que o decreto "ningunea os concellos" e a veciñanza ademais de "protexer, amparar e lexislar" a favor de Sogama e Gas Natural. 

En comparecencia de imprensa o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, denunciou as "condicións leoninas" nas que a Xunta promove unha modificación "unilateral" do contrato asinado entre os concellos e a planta de Cerceda e afirmou que tal decisión supón unha vulneración do "principio de autonomía" das administracións locais. E é que, embora determinar que a adhesión a estas novas condicións --e polo tanto o mantemento en Sogama-- será "voluntaria", fixa un prazo de "dous meses" que outorga pouca marxe de manobra ás equipas de goberno municipais. Aliás, estabelece unha duración do contrato de 5 anos. 

Parlamento e FEGAMP

Da mesma maneira, Vence lembrou que algúns concellos están á espera de que a xustiza se pronuncie sobre o taxazo logo de o recorreren nos tribunais. 

Co seu decreto a Xunta quer garantir que Sogama cobrará si ou si o novo prezo e se non é polo pagamento dos concellos será através do Fondo de Cooperación local. Para a organización frontista este feito "rompe as regras de xogo" e polo tanto pode ser recorrido xudicialmente. 

Acompañado polos alcaldes de San Sadurniño e Riotorto, o voceiro nacionalista avanzou que non só presentarán o recurso senón que exixirán un "pronunciamento claro" da FEGAMP ao respeito e levarán o conflito á Cámara galega através da deputada Ana Pontón. "Seguiremos até o final na nosa postura", apuntou Secundino García, alcalde de San Sadurniño". 

Comentarios