A LEI CHEGA AO PLENO DO PARLAMENTO APóS SER DESCAFEINADA NO TRáMITE DE EMENDAS

Colectivos da ILP do Hospital de Lugo piden que se rexeite após ser descafeinada polo PP

Os propios colectivos que promoveron a ILP sobre o HULA piden agora o seu rexeitamento. A lei chega esta terza feira ao Parlamento modificada polas emendas do PP, único que apoiará o texto definitivo.

Mobilización en Lugo

 

A ILP sobre o HULA de Lugo contou co apoio de 42.000 sinaturas, máis de 200 colectivos e o voto de todos os grupos parlamentares. Despois da súa tramitación chega esta terza feira, á tarde, de novo ao Pleno do Parlamento descoñecida polas emendas do partido de Feijóo. Só o PP aprobará unha lei que partía de ser a máis apoiada das tramitadas no Horreo. Os colectivos promotores piden agora seu rexeitamento.

Igualdade de servizos para toda a cidadanía, viva onde viva e, en concreto, radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica 24 horas para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Estas eran as principais demandas dunha Iniciativa Lexislativa Popular que se gababa de ser a máis apoiada na historia do Parlamento Galego. Pasada a súa tramitación, a situación é ben distinta, xa só o PP respalda un texto lexislativo que, segundo os seus promotores, nada ten a ver con aquel outro que chegou ao Parlamento co apoio social. A diferenza entre un e outro está nas emendas presentadas polo partido de Feijóo que mudan, segundo os colectivos defensores, o espírito da ILP.

“O PP cambiou totalmente o texto, cando a ILP fora aprobada por unanimidade. Xa non é a nosa ILP e por iso pedimos o seu rexeitamento”, explica Jesús Vázquez

 

“O PP cambiou totalmente o texto, cando a ILP fora aprobada a ILP por unanimidade. Xa non é a nosa ILP e por iso pedimos o seu rexeitamento”, explica Jesús Vázquez, presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, principais impulsores da iniciativa. Lamenta Vázquez que o PP introducise as súas enmendas sen se dirixir en ningún momento aos grupos promotores da iniciativa. “Cambia o espírito do texto apoiado por 42.000 sinaturas de maneira unilateral, sendo a iniciativa máis respaldada da historia de Galiza. Simplemente pediamos algo tan elemental como que a cidadanía tivese dereito aos mesmos servizos”, explica.

Conta con que o texto enmendado polo PP será finalmente aprobado cos votos do partido maioritario mais asegura que non van parar aí as súas reivindicacións. “Se impoñen o seu rodillo nós continuaremos na loita. Sacamos á rúa en Lugo a 10.000 persoas e seguiremos con iniciativas como a ruta do cancro. A cidadanía responderá tamén nas eleccións”, afirma Jesús Vázquez.

 "Anuncian que continuarán coas mobilizacións “tamén na campaña electoral”.  

Do texto inicial, pouco queda na lei que definitivamente aprobará o Parlamento. “Conseguimos hemodinámica en horas de oficina e xa podemos infartar de 8 a 15 horas mais nada máis. Falan duns prazos longos de máis de dous anos e din que se tenderá a conseguir eses servizos, mais non garanten que o presten desde a rede pública, é dicir, encóbrese a privatización, nin tampouco na capital da provincia. Será lexítimo que unha maioría absoluta aprobe algo así mais nós non imos baixar a cabeza”, defende Vázquez.

Trinta e cinco persoas, representantes dos colectivos, estarán no Parlamento para asistiren ao debate. Unha cifra que lles parece mínima fronte ao dato de que son 200 as distintas entidades que promoveron a ILP. De saír definitivamente aprobada pola vontade do PP, anuncian que continuarán coas mobilizacións “tamén na campaña electoral”.  

Comentarios