GpS presentouse no Morrazo

Para que "Galiza tome conta de si propia" ese é o obxectivo da iniciativa social que desenvolveu o seu primeiro acto público en Bueu con máis dun cento de asistentes. 

GpS
photo_camera [Imaxe GpS Morrazo]

Galiza pola Soberanía conta xa con máis unha asemblea. A comarca do Morrazo desenvolveu o seu acto de presentación no CS Mar de Bueu onde 150 persoas escoitaron as intervencións da escritora Teresa Moure e do profesor e historiador Xerardo Dasairas.

A presentación pública da GpS do Morrazo foi o resultado de diversas asembleas abertas decorridas pola comarca ao longo das últimas semanas. No acto, abordáronse os obxectivos da iniciativa social resumidos por Teresa Moure como unha iniciativa encamiñada a procurar que "Galiza tome conta de si propia". 

O acto contou tamén coa proxección do documentario editado pola Fundación Moncho Reboiras “A proclamaçom da República Galega em junho de 1931”. Un peza audiovisual que foi comentada por un dos seus autores, o historiador Xerardo Dasairas. 

Finalmente o acto rematou cun acto musical a cargo de Mini, Mero e María Quintilláns (A Quenlla) @s que se sumou Guillerme Inacio, de Quempallou. 

Comentarios