GpS organiza a I Festa pola soberanía en Compostela

A iniciativa social convida esta cuarta feira (28 de maio) a reivindicar o dereito a decidir cunha ruada e concertos. 

ato_compos
photo_camera ato_compos

A asemblea da GpS en Compostela organiza esta cuarta feira (28 de maio) a I Festa pola soberanía, unha xornada lúdica e reivindicativa na defensa do dereito a decidir do pobo galego. 

Os actos, que terán lugar nas vésperas da Festa da Ascensión, comezarán cunha ruada que partirá da Praza de Mazarelos ás 20.30 horas e que percorrerá as rúas do casco histórico até a Praza do Pan onde decorrerá un acto político coas intervencións de Santi Vigo --integrante da GpS en Compostela-- e o profesor e director da revista Terra e Tempo, Xoan Carlos Garrido. 

Para finalizar, o Centro Social A Gentalha do Pichel acollerá un concerto con Xenderal / Gende Beat, Sacha na horta e Dj GpS como artistas convidad@s. 

A iniciativa social Galiza pola Soberanía foi constituída hai perto dun ano e íntegrana persoas a titulo individual ou de maneira colectiva cuxo eixo común é a defensa do dereito a decidir de Galiza. Ao longo deste tempo organizou un bo feixe de accións e actos que visan pór riba da mesa o debate sobre o dereito de autodeterminación e espallar a loita por unha Galiza soberana entre a cidadanía. 

Ao seu manifesto constitutivo adheríronse xa centos de persoas e colectivos.

Comentarios