Garda Civil identifica veciños da Baña na ‘Vuelta’ por levar unha faixa de ‘Galiza is not Spain’

Despregaron a pancarta, con outra de ‘Independence for Galiza’ no Alto do Ézaro, por onde pasaba o pelotón ciclista. Axentes do instituto armado procederon a identificalos

[Imaxes: Ana Pintos]
photo_camera [Imaxes: Ana Pintos]

Dous veciños da Baña, ambos os dous militantes do BNG, veñen de engrosar esta terza feira a listaxe de persoas que no marco do paso de ‘La Vuelta’ por Galiza teñen sido identificadas ou apercibidas por axentes das Forzas de Seguridade por portaren bandeiras nacionalistas ou faixas con lemas soberanistas.

Nesta ocasión, estas dúas persoas foron requeridas no Alto do Ézaro por un axente da Garda Civil a se identificar cando portaban dúas faixas, unha de ‘Galiza is not Spain’ e outra de ‘Freedom for GZ’. “Xa pasara o pelotón e íamos de volta xunto con outra moita xente cara onde tiñamos o coche” comenta Xosé M.R. Foi o pasar por diante de varios vehículos todoterreo da Garda Civil, “cando un dos axentes se dirixiu a nós e pediunos a identificación”.

Unha documentación que neses momentos non levaban consigo, “polo que lle dixemos ao grada civil que a tiñamos no coche, que estaba a un quilómetro, e acompañounos el ata alí. E e, seguíndonos detrás, un patrol da Garda Civil”

Sorpresa

Esta imaxe, de dúas persoas ‘escoltadas’ polo instituto armado, non pasou desapercibida para o numeroso público que estaba na zona e que fora contemplar o paso dos ciclistas. “Mesmo tres rapaces achegáronse para facer fotos e preguntar por que nos levaban e case os identifican tamén”.

Unha vez chegados ao vehículo e ensinado o DI, a Garda Civil anotou os datos e retirouse. “O trato foi correcto”, apunta Xosé M.R.

Cortes de manga

Non é este o primeiro suceso no paso de ‘La Vuelta’ por Galiza. Así, e no paso da carreira por Baiona, axentes da policía identificaron e requisaron material a catro militantes do BNG por pintaren ‘Galiza Nación’.

E no tramo da Illa de Arousa, veciños deste concello denunciaban nas redes sociais ter sido obxecto de “cortes de manga” por garda civís por levaren a bandeira galega.

Comentarios