Galiza Sempre renóvase para reforzar o seu papel na batalla de ideas a prol da soberanía

Unha Fundación Galiza Sempre (FGS) renovada, visando reforzar o seu papel na “batalla de ideas” a prol da soberanía. Niso é no que aposta o novo padroado da entidade, que realizou este sábado a súa primeira reunión con Guillerme Vázquez como presidente e Ana Luisa Bouza como vicepresidenta. O padroado incorpora persoas do prestixio social e intelectual como o escritor Suso de Toro ou a economista Maria do Carme García Negro, entre outros nomes.

fundaçom
photo_camera O novo padroado posa para a imprensa

De acordo cun comunicado da propria FGS, Galiza Sempre renova o seu padroado “con significativas incorporacións do ámbito académico e social” e visando o obxectivo de “reforzar o seu labor de análise da realidade política, socioeconómica e cultural do País, que permita aportar propostas que contribúan a resolver os problemas de Galiza.

O novo presidente da fundación é quen fora portavoz nacional do BNG no período Maio 2009-Marzo 2013, Guillerme Vázquez. Canda el estará a ex deputada e ex membro da Executiva Nacional da formación frentista Ana Luísa Bouza, dirixente da corrente Abrente. Será diretor xerente da entidade Xavier Campos, mentres que o xa ex presidente da FGS, Suso Veiga, pasa a presidir o consello asesor da fundación.

Xavier Campos será o director xerente da Fundación Galiza Sempre

O padroado vano constituír un total de 14 membros, entre os cales se acha o escritor e ensaísta Suso de Toro; a economista María do Carme García Negro, especialista no sector pesqueiro; o historiador e promotor da revista Murguía, Uxío Beográn Diéguez; Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade; Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC; e Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na USC e experta no sector agrario.

Neste órgao tamén figuran @s membros da Executiva Nacional do BNG: Bieito Lobeira, secretario de Organización, Goretti Sanmartin, secretaria de Acción Municipal, Ana Miranda, secretaria de Política Internacional, Néstor Rego, secretario de Iniciativas Políticas e Rafa Vilar, secretario de Acción Social.

Un traballo autónomo

Guillerme Vázquez explicou que o padroado da FGS é “o grupo de persoas que vai dirixir unha entidade que, embora estexa vinculada ao BNG, desenvolve o seu traballo de xeito autónomo e ten como obxectivo fundamental analizar a realidade socieconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, ben como difundir a historia deste País e promover o espazo da lusofonía”.

Por súa parte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, parabenizou os membros do novo padroado, dos que puxo en valor seu compromiso co País e a súa disposición a pór os seus coñecimentos “nos diversos ámbitos académicos e políticos ao servizo de Galiza”, segundo o comunicado emitido pola organización frentista.

Comentarios