Galiza pola Soberanía no número 55 do Sermos

A iniciativa social 'Galiza pola Soberanía' bota a andar coa conquista dun Estado propio por obxectivo. Entrementres, o xuízo do Prestige fica visto para sentenza logo de se cumpriren dez anos da catástrofe. Xa á venda na nosa loxa

Un xuízo tardío, caro e incompleto. Así foi a vista oral sobre a catástrofe do Prestige desenvolvida ao longo dos últimos meses na Coruña. No número 55 do Sermos Galiza afondamos nas nosas primeiras páxinas sob algunhas das chaves dun proceso xudicial no que, en verbas do propio xuíz, "faltan moitos implicados, algúns deles políticos". 

Visto para sentenza o caso Prestige, mais tamén o naval. A poucos días de que a Comisión tome unha decisión a respeito da devolución do tax-lease, @s traballador@s deste sector saíron de novo ás rúas de Vigo para reivindicaren o seu dereito ao traballo. Entrementres, a delegación oficial desprazada a Bruxelas fracasa e volve para a Galiza ao tempo que os contratos fuxen. 

As graves consecuencias da crise económica marcan os últimos dados tirados polo Eurostat. A oficina europea constata o aumento das desigualdades salariais na Galiza. A clase traballadora empobrece mentres as rendas empresariais aumentan situándose xa no 47% do PIB galego. 

Sen abandonarmos as páxinas de Traballo, conversamos con Demetrio Fernández, presidente do Consello galego de Relacións laborais quen alerta das graves consecuencias das reformas laborais e da perda do convenio colectivo para milleiros de traballadores. Con el abordamos na situación que deixa para moitos sectores a desaparición desta ferramenta conseguida con anos de loita obreira mais que está a desaparecer. 

Naceu Galiza pola Soberanía, unha iniciativa social a prol dun Estado propio

Sen deixarmos de falar dos recortes, achegámonos ás páxinas de social nas que as tesoiras da dereita neoliberal deixan @s doentes da SIDA en risco de exclusión social. Atinxid@s por unha grave enfermidade, prostitutas, inmigrantes, pres@s, drogodependentes... son os colectivos en maior risco perante uns gobernos que decidiron pór fin á sanidade pública e universal. 

Nas páxinas de Cultura, abrímosvos a porta da Casa-Museo Manuel María. A piques de ser inaugurada (o día 7 de Setembro), desde a Fundación que leva o nome do poeta nacional están a argallar un histórico encontro literario-musical. Unha xornada de convivio na que se encontrarán grupos e cantantes que puxeron voz e música aos versos do poeta de Outeiro de Rei. 

Asemade, conversamos con Cándido Pazó que estreará na Mostra de teatro de Ribadavia 'As do peixe' unha obra que ten moito a ver coa súa biografía e que narra a historia das traballadoras da conserva. 

Todas estas novas e moito máis coma cada sexta feira nos quiosques e librarías do país. E desde xa, na nosa loxa.

Comentarios