Galiza podería perder máis de 4.000 millóns de euros de fondos europeos polo desleixo e incompetencia da Xunta

Galiza pode perder centos de millóns de euros de fondos europeos no periodo 2014-2020, en virtude dunha negociación comunitaria de criterios perante os que nin Xunta nin goberno de Madrid moveron ficha
europa
photo_camera Parlamento Europeo

Tal e como está a proposta no Parlamento de Bruxelas, hoxe en día, de reparto dos fondos europeos para o período 2014-2020 Galiza pasaría de percibir, en números redondos, de 6.500 millóns de euros a pouco máis de 1.500. Un escenario, desde logo, ao que non se chegou dun día para outro e onde o desleixo, a incompetencia ou non saber/querer facer do goberno do PP na Xunta, e dos executivos centrais, teñen moita responsabilidade.

Nestes días vanse celebrar en Bruxelas varias xuntanzas e encontros a diferentes niveis para tentar variar unha proposta que cuestiona as axudas a rexións até non hai tanto incluídas na categoría de menos desenvolvidas, como Galiza, e que accederon a outra clasificación, mais aínda lonxe de acadar os parámetros das zonas máis desenvolvidas de Europa.

Se Galiza até o de agora levaba 5.000 millóns de euros nos diferentes períodos orzamentarios da UE por estar no grupo de 'menos desenvolvida', ao pasar a atinxir o noso país o 90% do PIB medio por rexión da UE pasa a entrar na categoría de máis desenvolvida, con que os fondos caerían drásticamente. Mais se Galiza estivese nun punto intermedio, rexión en transicion, podería recibir 6.300 millóns de euros.

Perdas

Houbo un proceso de decisións e negociacións nestes meses en que nin goberno central nin Xunta da Galiza quixeron ou puideron desenvolver papel ningún, apuntan fontes comunitarias. Isto levou a que Galiza se atope inmersa nunha categoría que lle resta fondos de miles de millóns de euros ao noso país. 

"Nin sequera se tomaron en conta criterios como a crise que está a golear e a mermar o PIB da Galiza nestes últimos exercicios e seguramente nos seguintes", indican desde estas fontes. Ao non medir eses parametros, estaríase a dar unha imaxe distorsionada do noso país, que sería incluído nas rexións máis desenvolvidas de Europa.

Non sería a primeira vez

Cómpre lembrar que xa na primavera, desde o BNG denunciouse que Galiza está a perder fondos comunitarios orzamentados para o período 2007-2013 destinados a promover a cohesión entre estados, porque a administración central e autonómica non achegan a parte de cofinanciación que lles corresponde, até un 25% no caso galego por tratarse dun territorio pouco desenvolvido. 

Comentarios