Galiza perde fondos europeos por non cofinanciar a Xunta a súa parte

Galiza está a perder fondos comunitarios orzamentados para o período 2007-2013, porque a administración central e autonómica non achegan a parte de cofinanciación que lles corresponde
Labrego nos Ancares
photo_camera Labrego nos Ancares

Galiza está a perder fondos comunitarios orzamentados para o período 2007-2013 destinados a promover a cohesión entre Estados, porque a administración central e autonómica non achegan a parte de cofinanciación que lles corresponde, ata un 25% no caso galego por tratarse dun territorio pouco desenvolvido.Así o vén de denunciar a eurodeputada nacionalista Ana Miranda na Comisión Europea.

 En concreto, Miranda interpela á Comisión sobre os niveis de execución do Fondo Social Europeo (FSE) e da execución do Programa LEADER sufragado a través do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (FEADER). "Ambos fondos son fundamentais para Galiza, no caso do FSE porque temos unha taxa de desemprego do 21% que máis ca duplica a media da UE e, no caso do Feader, porque subvenciona actuacións levadas a cabo polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) co obxectivo de mellorar as condicións de vida no medio rural", salienta Miranda.

 Atrasos por 5 millóns de euros neste exercicio

Son precisamente os GDR os que denuncian os atrasos do Goberno galego nos pagos da parte de financiamento que lle corresponde dos proxectos Leader, atrasos que chegaron a acadar a cifra de 5 millóns de euros no presente exercicio, ao que se suma o feito de que a Xunta aínda non dispuxo dos 30 millóns de euros correspondentes ao denominado "fondo de eficacia".

"Ese orzamento pode financiar novos proxectos para o rural galego, imprescindibles para fixar poboación e para contribuír a estabilizar as rendas das persoas que traballan no sector primario", indica a deputada do BNG.

Ademais, o BNG denuncia ante a Comisión Europea que o Goberno do Estado baralla a posibilidade de reducir nun 50% os presuposto destinado a financiar o programa Leader, que ten como proxectos financiables aqueles que contribúan a modernizar as exploracións agrarias, a mellorar o medioambiente no rural ou que repercutan na mellora na calidade de vida e á diversificación económica nas zonas rurais.

Comentarios