Galiza Nova lanza a campaña "Nin escravitude nin emigración. Na Galiza exiximos dereitos"

Centros de ensino medio, FP, Universidades, as rúas do país en xeral. Ese é o escenario no que se vai desenvolver a campaña "Nin escravitude nin emigración. Na Galiza exiximos dereitos", que presentou esta sexta feira Galiza Nova, as mocidades do BNG.

BNG Galiza Nova
photo_camera Vence e Lobeira, coa dirección de Galiza Nova

A campaña culminará nun acto reivindicativo o 15 de outubro nas oficinas de emprego do país, informou á imprensa o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, após unha reunión da dirección nacional da organización xuvenil.

Non foi unha reunión máis do órgao executivo das mocidades do Bloque, pois nela participaron o portavoz nacional e o secretario de Organización da formación frentista, Xavier Vence e Bieito Lobeira, respectivamente.

As propostas concretas de Galiza Nova

Que propón Galiza Nova para saír desta desde unha perspectiva xuvenil? Basicamente, segundo expuxo Alberte Mera, o que cómpre é cambiar radicalmente a focaxe das políticas públicas. Galiza Nova propón en concreto o desenvolvimento de programas de orientación e recualificación para a mocidade desempregada, políticas “reais” de creación de emprego e a derrogación das reformas do mercado laboral que, din as rapazas e os rapaces do BNG, "precarizan as condicións laborais e dificultan o acceso ao emprego". En palabras de Alberte Mera, “non cabe a resignación, nin quedar na casa ante o roubo dos nosos dereitos sociais e laborais”.

Os dados sobre a situación laboral da mocidade galega son desoladores. Tomemos nota: "77.000 mozos e mozas abandonaron Galiza nos últimos catro anos, e a tendencia foi en aumento posto que, desa cifra, 26.000 marcharon o ano pasado, o que fai unha media de 2.000 mozos e mozas que colleron a maleta cada mes durante 2012”, dixo Mera. Por un lado, os que emigran. Por outro, @s que non teñen traballo: 80.000 mozos e mozas, desempregados, procuran traballo neste momento na Galiza.

Que facer? A receita que dá Vence ás mozas e aos mozos da súa organización é a de "rebelarse" para “mudar o rumbo das políticas económicas e antisociais do Goberno central e da Xunta, que están a deteriorar a vida dos galegos de das galegas”.

Comentarios