Galiza Nova entrega a Feijóo unha cacheira e exíxelle un cambio de rumbo na política de emprego

Xunto coa cacheira a organización xuvenil entregou na Xunta de Galiza unha batería de medidas para a creación de emprego entre as faixas de idade máis novas onde o desemprego supera o 50%. 

Galiza Nova
photo_camera [Imaxe: Galiza Nova]

"A todo o porco lle chega o seu San Martiño". Ese é o lema que se puido ler na caixa enviada esta sexta feira por Galiza Nova  ao presidente da Xunta. Desta maneira, @s moz@s da organización xuvenil quixeron denunciar o seu rexeitamento á política de emprego do goberno galego que deixa tras de si "70 moz@s" emigrad@s ao día entre 20 e 34 anos, "máis de 26.000" só o pasado ano, indicou o seu secretario xeral, Alberte Mera. 

Para Galiza Nova "Feijóo e [Beatriz] Mato son os máximos responsábeis políticos do drama social que está a padecer a mocidade galega" polo que lles exixen un cambio de rumbo nas súas políticas. 

Neste senso, @s moz@s entregaron no Rexistro de San Caetano unha batería de "medidas urxentes" encamiñadas a reverter as cifras de emigración e desemprego entre as que se atopan a "derrogación das últimas reformas laborais", a "nacionalización das empresas estratéxicas" ou a elaboración dun Plan galego de emprego xuvenil que inclúa un "programa de inserción laboral"; a "promoción de novos espazos de actividade", a recuperación d@s investigador@s emigrad@s ou a promoción do "auto-emprego" a través de "empresas de economía social". 

Desde Galiza Nova aseguran que "si hai outro camiño" na loita contra o desemprego xuvenil polo que exixen a toma en consideración das súas propostas e mesmo a súa aplicación real. 

Comentarios