Galiza Nova denuncia que varios institutos lle prohiben informar da folga no ensino

A dirección de até catro centros de secundaria impediu que a organización xuvenil desenvolvese charlas informativas con motivo da greve estudantil do vindeiro 24 de outubro. 

galiza nova, ensino, mobilización
photo_camera galiza nova, ensino, mobilización

Galiza Nova denuncia nun comunicado que a dirección de até catro institutos lle impediu desenvolver charlas informativas co alumnado con motivo da greve estudantil convocada contra a LOMCE pola Plataforma galega en defensa do ensino público para esta quinta feira 24 de outubro.

Segundo informa a organización xuvenil na súa páxina web, as direccións do IES Nº1 de Ribeira, o IES Leliadoura (tamén de Ribeira), o IES de Oroso ou o IES Val do Tea de Ponteareas non deron autorización para as mocidades do BNG achegaren información @s alumn@s a través da realización de charlas c@s delegad@s ou co propio estudantado. 

Asembleas ás portas dos centros

Asemade, denuncian desde Galiza Nova, "no IES Nº1 de Ribeira a censura chega a tal extremo que tampouco se permite pendurar a cartelaría editada" por se tratar, din desde o centro, dunha "organización política". Aliás, tamén lles impediron ás organizacións estudantís achegar material informativo por "empregar palabras ofensivas", segundo os criterios do instituto. 

Desde Galiza Nova aseguran que continuarán adiante co labor informativo a través da convocatoria de asembleas nas portas dos centros que non autoricen as charlas, "para que a obstaculización da dirección non triunfe". 

Comentarios